PARA OS NACIONALISTAS “TRÁTASE DUN INTENTO DALGÚNS SECTORES DO PP POR RELANZAR ESTE TIPO DE EVENTO COMO UNHA IMPOSICIÓN IDEOLÓXICA E ESPAÑOLIZADORA”

O BNG-AA pedirá no pleno do concello que se paralice a tourada anunciada para xuño

Touradas Páramo

A concelleira do BNG no Páramo afirmou que “as corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade que nada ten que ver con este país”

O BNG-AA pedirá no pleno do concello que se paralice a tourada anunciada para xuño
O Páramo, 9 de marzo 2016. O BNG levará ao vindeiro Pleno do Concello do Páramo unha iniciativa para reclamar que se declare o concello como libre de Touradas e se impida a celebración do evento previsto para o mes de xuño. A edil do BNG no Páramo, Chus Gil, lembrou que “O BNG ven mantendo unha posición moi clara en relación coas touradas” e sinalou que “as corridas de touros non teñen tradición no Páramo, nin en Lugo, nin en Galiza, a súa escasa presenza responde ao intento de introducir prácticas alleas á nosa cultura e tradición, cunha clara vontade de homologación cultural.”

O BNG está posicionado na defensa dos dereitos dos animais como expresión dunha sociedade civilizada e avanzada.  As corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade. Desde o BNG manifestamos a nosa oposición ao intento de relanzamento que están a facer diversos sectores do PP das touradas e temos claro que alén de cuestións ideolóxicas sobre as touradas, esta cerrazón tamén esconde o interese por financiar a un sector que cae en picado en público e apoio e só sobrevive grazas ás axudas públicas.  

Dende o BNG sinalouse que “un dos últimos concellos sumados a esta dinámica foi o de Triacastela que, despois de Sarria, tivo que renunciar a organizar este tipo de eventos grazas á presión social”. Dendeo BNG promoveranse actos e iniciativas para tratar de paralizar a imposición deste tipo de espectáculos sanguinarios que se veñen promovendo na comarca, gastando cartos públicos en actuacións mentres no concello do Páramo existen moitas carencias.

O BNG-AA pedirá no pleno do concello que se paralice a tourada anunciada para xuño