“NO ESPAZO QUE SE UTILIZOU PARA ACUMULAR MATERIAL DURANTE AS OBRAS DE FONTIÑAS PÓDESE CREAR UN APARCADOIRO DISUASORIO GRATUITO, COMO XA PROPUXEMOS” DIXO RUBÉN ARROXO
O BNG-AA propón que se aproveiten as obras da rúa Primavera para facer un aparcadoiro disuasorio na zona
As actuacións para mellorar a regulación do tráfico en Fontiñas é un dos obxectivos do BNG-AA que xa presentou diversas iniciativas para a zona
Lugo, 3 de marzo 2016. O voceiro do BNG – AA propuxo, unha vez máis, a creación dun aparcadoiro disuasorio no solar baleiro da rúa Primavera. No espazo que se utilizou para acumular material durante as obras de Fontiñas pódese crear un aparcadoiro disuasorio gratuíto, como xa propuxemos” dixo Rubén Arroxo. Arroxo lembrou que no mes de febreiro de 2016 o pleno da corporación lucense aprobou unha iniciativa do BNG – Asembleas Abertas para buscar acordos cos propietarios dos predios sen edificar co fin de darlles un uso alternativo e, entre estes usos, estaría o de crear aparcadoiros disuasorios.
Arroxo informou que o concello destinou un partida global de 23.800,54 € para contratar as obras de ensanche da calzada da rúa Primavera no tramo entre o Carril das Hortas e o Carril das Flores e tamén para o Camiño Real no tramo entre Tino Grandio e García Abad. “Obras necesarias dende fai moito tempo e que grazas ás propostas, en materia de tráfico, do BNG-AA comenzan a executarse” dixo o voceiro nacionalista no concello de Lugo.
Arroxo sinalou que as actuacións para mellorar a regulación do tráfico en Fontiñas é un dos obxectivos do BNG-AA que e apuntou que xa presentou diversas iniciativas para a zona. “A ampliación da calzada da rúa Primavera mellorará a circulación pero un dos problemas máis graves é a falta de prazas de aparcamento e entendemos que acometer unha actuación neste senso aproveitando as obras de ampliación da calzada sería o mellor” dixo Arroxo.
Ante isto o BNG reitera unha proposta que xa realizou cando se aprobou esta proposición no mes de febreiro de 2016, na que sinalaban varios terreos que neste momento se atopan baleiros e que poderían utilizarse como aparcadoiros disuasorios “é unha cuestión de vontade e de que o goberno municipal negocie cos propietarios para poñelos ao servizo das veciñas e veciños mentres os seus donos non fagan uso destes predios” dixo Arroxo.
Zona de Fontiñas e conservatorios
Dende o BNG-AA xa se propuxeran, no seu momento, tres posibles ubicacións para resolver os problemas de aparcamento que sumarían un total de 6.600 metros cadrados. Os dous terreos máis próximos ao centro da cidade estarían situados, un na esquina de Fontiñas co Carril de Caiños e outro ao longo da rúa Primavera fronte a centro socio-cultural Maruja Mallo. Rubén Arroxo lembrou que un destes solares xa funcionou como aparcadoiro mentres se fixeron as obras en Fontiñas e o outro xa funciona, tamén, como aparcadoiro nas súas beiras. O outro grande aparcadoiro daría solución aos problemas de tráfico na zona dos conservatorios de música e danza e ocuparían máis de 4.000 metros cadrados na intersección da ronda Xosé Castiñeira coa rúa Xesús Bal e Gai.