RUBÉN ARROXO EXPLICOU QUE SE PODEN LEVAR A PLENO VARIOS LOTES COAS FACTURAS QUE TEÑEN REPAROS DE LEGALIDADE E OUTRO CO RESTO DAS FACTURAS PARA PERMITIR O SEU PAGAMENTO
O BNG-AA propón fraccionar en lotes as facturas pendentes e que se convoque un pleno extraordinario
“No BNG-AA facilitaremos o pago daquelas facturas que non teñen reparos de legalidade, incluso propoñemos a convocatoria dun pleno extraordinario” afirmou Arroxo
Lugo, 4 de abril 2017. O voceiro municipal do BNG – AA, Rubén Arroxo, anunciou que lle trasladará ao goberno unha proposta para desatascar a situación de moitas empresas e proveedores que se ven afectadas polo feito de que o Pleno non aprobou o expediente extraxudicial de crédito. “Trátase dunha mala xestión do goberno por que as facturas poden levarse a pleno en varios lotes e estamos seguros de que, dende a oposición, se facilitaría a aprobación, como en anteriores ocasións, do pago daquelas facturas que non teñen reparos de legalidade e que, neste caso, son 42 facturas dun total de 5.080” explicou Arroxo.
Arroxo cualificou de “destrutiva” a actuación do PP que votou en contra da aprobación do expediente e “busca o rédito político a conta do desgaste da institución e a conta de causar danos moitas empresas, provedores e colectivos como a Protectora de Animais e Plantas”. O voceiro do BNG-AA propuxo a inmediata convocatoria dun pleno extraordinario “no que os grupos deberían renunciar ao cobro das dietas por asistencia a pleno, para desatascar esta situación o antes posible” e sinalou “tecnicamente é moi sinxelo e no BNG-AA facilitaremos o pago daquelas facturas que non teñen reparos de legalidade, incluso propoñemos a convocatoria dun pleno extraordinario”.
Ademais das empresas eléctricas ás que corresponden 4.949 facturas por un importe total de 1,7 millóns de euros, existen outras 131 facturas por un importe de 623.105 euros que afectan a diferentes empresas, provedores e entidades. Arroxo advertiu que “incluso se poderían levar a pleno estas facturas en expedientes individuais e votar unha a unha e así decidir a quen se lle paga e a quen non”. Para o BNG-AA “non é de xustiza que moitas pequenas empresas ou entidades como a Protectora de Animais teñan en risco a súa viabilidade pola falta de xestión do PSOE”.
Rubén Arroxo dixo que o BNG-AA absterase no caso daquelas facturas que non teñan reparo de legalidade por que “a responsabilidade da súa tramitación é do goberno socialista”. Existen traballadoras e traballadores que non van poder cobrar os seus salarios se o concello de Lugo non desbloquea esta situación e “por iso plantexamos esta solución que entendemos perfectamente viable” afirmou Arroxo.