“ENTENDEMOS QUE É O MOMENTO DE QUE A CORPORACIÓN TOME ESTE ACORDO PARA QUE A ESCOLA POIDA FUNCIONAR NO VINDEIRO CURSO” AFIRMOU MAITE FERREIRO
O BNG-AA proporá no Pleno a creación da Escola Municipal de Teatro
Lugo xa conta con centros públicos para o ensino da danza, de música e artes plásticas pero carece dun centro público de formación nas artes escénicas
Lugo, 5 de abril de 2017. A edil do BNG-AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG-AA levará ao pleno deste mes de abril unha iniciativa para crear en Lugo unha Escola Municipal de Teatro. Na proposta que se levará ao pleno plantexase iniciar, no menor prazo posible, os trámites para a creación dunha Escola Municipal de Teatro e prever nos orzamentos do ano 2017 e sucesivos unha partida suficiente para a posta en marcha e funcionamento dunha Escola Municipal de Teatro. Ademais, Maite Ferreiro, pedirá que se traslade este acordo ao Consello Municipal de Cultura para que se inicie, dende este órgano, un proceso de consultas sobre o formato máis axeitado para a xestión da Escola Municipal de Teatro.
Maite Ferreiro destacou o incremento da actividade vencellada ao teatro no concello de Lugo e destacou a implicación e traballo de todos os colectivos e persoas que traballan neste eido, ademais explicou que “para a creación da Escola Municipal de Teatro fan falta tres cousas: unha partida orzamentaria, un espazo e vontade política para poñela en marcha” e engadiu “Lugo conta con toda a experiencia e coñecemento grazas a toda a xente que leva moitos anos entregada ao mundo do teatro e que sabemos colaborarán co concello para que a Escola Municipal de Teatro sexa unha realidade”. “O goberno terá que falar con todas as persoas e colectivos que se adican ao teatro para deseñar esta Escola que debe ser referente” afirmou Maite Ferreiro.
“O éxito do proxecto Buxiganga que o BNG puxo en marcha dende a Deputación de Lugo, cando tivo responsabilidades de goberno, garante o éxito e a necesidade da posta dunha Escola Municipal de Teatro na cidade de Lugo” dixo Maite Ferreiro que apostou por apoiar as artes escénicas e facer que Lugo teña unha vida cultural intensa ademais de “potenciar os grupos profesionais e afeccionados e facilitar espazos para ensaios e estreas das producións que se fan dende Lugo”. Para BNG-AA “despois do éxito que supuxo a posta en marcha da Escola Municipal de Música, na etapa na que o BNG dirixiu o departamento de cultura do concello de Lugo, a creación da Escola Municipal de Teatro non ten que supoñer ningunha dúbida para o goberno actual”.
A respecto do espazo para albergar a Escola Municipal de Teatro, Ferreiro lembrou que “Lugo contará, en breve, con dous novos edificios para os que o goberno municipal aínda non ten usos previstos”. O edificio do Cárcere sería un dos lugares idóneos para a nova Escola Municipal de Teatro “tamén podería estar no novo auditorio ou, incluso, no Gustavo Freire” dixo a edil nacionalista. Maite Ferreiro sinalou que Lugo xa conta con centros públicos para o ensino da danza, de música e artes plásticas pero carece dun centro público de formación nas artes escénicas.