ARROXO AFIRMOU QUE “O INVESTIMENTO DO ESTADO EN GALIZA BAIXOU Á METADE DENDE QUE O BNG NON ESTÁ NO CONGRESO”
“Lugo e Galiza non contan para o estado e non temos quen nos represente”
“Lugo non terá novos proxectos nin se materializarán os prometidos polo PP” dixo o voceiro do BNG no concello de Lugo
Lugo, 5 de abril 2017. O voceiro municipal do BNG – AA, Rubén Arroxo, cualificou como “nefastos para Lugo e Galiza” os orzamentos do Estado para o 2017 que, para o BNG, “supón unha discriminación sen precedentes a Galiza que plasma o proxecto de orzamentos do Estado, cunha redución do 32,4% nos investimentos territorializados”. Arroxo sinalou que se trata “dun agravio sen precedentes, un recortazo de 442 millóns de euros que afectará a todos os galegos e galegas” e afirmou que “o investimento do estado en Galiza baixou á metade dende que o BNG non está no Congreso”.
O voceiro do BNG sinalou que Galiza está se representación en Madrid e valorou que “ o feito de que non haxa unha forza galega no congreso, dende o 2010, supuxo que os orzamentos destinados ao noso país pasaron a ser a metade”. Para o voceiro do Bloque esa discriminación nos orzamentos resta recursos a Galiza para acometer retos como o da recuperación do medio rural, inmerso nun proceso de despobación e avellentamento “que non se vai solucionar con propaganda nin con remakes publicitarios do Plan de desenvolvemento rural tantas veces anunciado e que conta con 300M€ menos grazas tamén a solidariedade de Rajoy”.
Arroxo lamentou que Lugo continué sendo vítima do retraso e do desmantelamento ferroviario “non temos conexións coa Coruña, nin con Santiago que sería o máis necesario” e “queda confirmado que Lugo seguirá sen AVE”. No referente ao concello de Lugo, o documento de orzamentos do estado certifica que Lugo continuará sen intermodal, sen rotonda na intersección de Afonso X coa N-VI, sen vías de servizo na N-VI, sen ronda leste e sen moitas máis dotacións necesarias para Lugo.
Dende o BNG foron propostas unha serie de medidas concretas de revitalización do rural, que pasan por facilitar a produción do sector agrario, por pechar os ciclos produtivos no rural, mudar a política forestal cara un verdadeiro aproveitamento do monte e deseñar un plan extraordinario para frear o despoboamento e mellorar servizos públicos, como as infraestruturas ferroviarias no interior do país.