RUBÉN ARROXO INFORMOU QUE “O PAGO DAS NÓMINAS A TODO O PERSOAL DO CONCELLO ESTIVO EN PERIGO POR NON ESTAR RESOLTO ESTE ASUNTO”
O BNG-AA proporá unha modificación parcial da RPT para garantir a pervivencia da Escola Municipal de Música
“Unha modificación parcial, que garanta a continuidade da Escola Municipal de Música é a única solución viable e con garantía xurídica” sinalou Arroxo
Lugo, 6 de abril 2017. Rubén Arroxo anunciou que o BNG-Asembleas Abertas trasladará á comisión de Persoal do Concello de Lugo unha proposta para que o Goberno Municipal acometa unha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo que sirva para garantir a pervivencia da Escola Municipal de Música. O voceiro do BNG-AA explicou que “este é o camiño máis seguro e curto para evitar unha posible desaparición da Escola Municipal de Música” e advertiu que “o pasado mes xa estivo a piques de paralizarse o pago das nóminas a todo o persoal do concello debido aos reparos de legalidade derivados da sentencia xudicial ditada contra o feito de que os músicos da Banda pasaran de media a xornada completa”.
Para o BNG-AA o Goberno Municipal debe dar pasos no sentido, manifestado por todos os grupos políticos da corporación, de garantir a continuidade da Escola Municipal de Música e por iso “non se pode agardar, sen facer nada, o Tribunal de Casación non admitiu o recurso presentado dende o concello e o fiasco en que se converteu o intento de crear unha nova RPT non da solución a este colectivo” dixo Rubén Arroxo e concretou que “por iso levaremos esta proposta á Comisión de Persoal para avanzar nunha solución factible, rápida e eficaz que garanta a continuidade da Escola de Música e preserve a situación laboral das persoas que prestan servizo nela”.
Rubén Arroxo sinalou que “no pasado mes de novembro xa advertimos que a redacción dunha nova Relación de Postos de Traballo, que afecte a toda a plantilla municipal, non ía ser a solución e tampouco é confiabamos que o Tribunal de Casación admitise a tramite o recurso que o concello presentou contra a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”. Arroxo dixo que a modificación parcial da RPT que se acometa deberá facerse salvando aqueles puntos que sinala a sentencia do TSXG como causa da revocación do acordo da Xunta de Goberno 6/377 pola que se modificou parcialmente a RPT, aprobada no ano 2006, e modificación das condicións laborais dos empregados da Banda de Municipal.
A modificación parcial da RPT é un procedemento ampliamente utilizado nas administracións locais e neste caso “é entendible que se aplique para garantir a continuidade da Escola de Música xa que é un servizo público cunha ampla demanda social” . “Unha modificación parcial, que garanta a continuidade da Escola Municipal de Música, non é incompatible co avance na redacción dunha RPT xeral do concello” sinalou Arroxo que defendeu, unha vez máis, a necesidade de que o Goberno Municipal dea solución á regularización da Relación de Postos de Traballo do Concello.
Ademais de perigar a continuidade da Escola Municipal de Música tamén se poñen en perigo os salarios de todo o persoal que atende a Escola e, ao mesmo tempo, forman parta da Banda Municipal de Música. “Estamos falando duns profesionais que traballan mañá e tarde para este concello e que pasarían de cobrar un pouco máis de mil euros a cobrar pouco máis de 500 euros mensuais” informou o voceiro do BNG-AA.