MAITE FERREIRO LEMBROU QUE NO MES DE XULLO “APROBOUSE UNHA INICIATIVA NO PLENO PERO O GOBERNO NON FIXO NADA”

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas

A edil nacionalista desmentiu a existencia de negociacións co PSOE en relación aos orzamentos municipais do 2017

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas

Lugo, 4 de xaneiro 2017. O BNG - AA lembrou, a través da edil Maite Ferreiro, que o Concello de Lugo continúa sen poñer en funcionamento unha aplicación para teléfonos móbiles de cara a que as persoas xordas se poidan poñer en contacto cos servizos de bombeiros e policía local, en caso de emerxencia de forma totalmente independente, unha demanda existente neste colectivo e que avanzaría na inclusión no concello.

Maite Ferreiro lembrou que no mes de xullo “aprobouse unha iniciativa no pleno pero o goberno non fixo nada” e engadiu “a día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución”. Ferreiro sinalou que “é preciso que as institucións aproveiten as solucións que nos dan as novas tecnoloxías para poder mellorar e facilitar a vida das persoas”.

Dende o grupo nacionalista aseguran que non existe ningunha complicación técnica para levalo a cabo, dado que se están a aplicar noutros concellos do estado “Exemplos como Syspol092 ou SOR-POL, por citar algúns, son app´s creadas nos concellos de Elche e Fuenlabrada, respectivamente e que amosan a viabilidade deste proxecto” explicou a voceira do BNG-AA no concello de Lugo.

Estas aplicacións teñen un funcionamento bastante semellante ao que poida ser as populares Whatsapp ou Telegram, dado que as persoas se poderán comunicar cos servizos de policía e bombeiros por vía escrita, enviar fotos da situación e dar a localización GPS. Ademais, en palabras do grupo municipal, isto sería un custo moi pequeno ao lado do servizo que ofrece, xa que lles dá total autonomía a estas persoas, non tendo que depender doutras, derribando así unha barreira máis e creando igualdade de atención entre veciñas e veciños do concello neste ámbito.

Orzamentos Municipais

A edil do BNG-AA desmentiu a existencia de negociacións co PSOE de cara á aprobación dos orzamentos deste ano 2017. Maite Ferreiro sinalou que “para poder negociar o noso apoio aos orzamentos temos que coñecer cal é a proposta do goberno e, de momento, descoñecemos absolutamente cal é”. Ademais, a edil nacionalista, afirmou que non lles foi trasladada proposta algunha por parte do grupo de goberno e “o BNG-AA terá que analizar os documentos que recollen a proposta do PSOE antes de iniciar as negociacións ou xuntanzas sobre os orzamentos”. Maite Ferreiro engadiu que “o único que temos sobre os orzamentos é unha ampla listaxe de incumprimentos das propostas do BNG-AA para os orzamentos do ano 2016”.

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas