O TENENTE ALCALDE ANUNCIOU QUE OS DATOS DE USUARIOS CONTINÚAN A SEGUIR A TENDENCIA MANTIDA DURANTE O ANO
O bus urbano volve batir récords en agosto, marcando o maior mes de agosto desde que se rexistran datos de usuarios
O Tenente Alcalde anunciou que os datos de usuarios continúan a seguir a tendencia mantida durante o ano
Arroxo: "Os datos levan todo o ano amosando unha tendencia clara, 2024 vai ser o ano con máis viaxeiros da historia"
Lugo, 06 de setembro de 2024. O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que o mes de agosto de 2024 volveu superar a marca mensual desde que se gardan rexistros de usuarios do bus urbano. Arroxo lembrou que "seguimos nunha tendencia positiva en canto a número de usuarios, con 153.238 en agosto de 2024", e engadiu "a tendencia deste ano continúa a ser superar os rexistros, o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o transporte público".
Segundo explicou Rubén Arroxo, "neste momento do ano levamos o maior número de viaxeiros da historia no acumulado de todo o ano, o que demostra que, de seguir esta tendencia, 2024 será o mellor ano no transporte público de Lugo". Arroxo explicou que "os transbordos representan só un 3% dos billetes expedidos, os datos amosan un verdadeiro aumento no número de persoas que cada día deciden usar o bus urbano".
O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.
Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a 30 minutos de frecuencia.
Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.
"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.