O PORTAVOZ DO BNG EN LUGO, RUBÉN ARROXO E A DEPUTADA MONTSE VALCÁRCEL, ESTARÁN PRESENTES NO ACTO REIVINDICATIVO QUE LEVARÁN ADIANTE HOXE A PARTIR DAS 19 HORAS NA PARADA DE BUS DE CASTELO

O BNG apoia a mobilización veciñal da veciñanza de Castelo para reclamar maior seguridade na estrada da Fonsagrada



O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo e a deputada Montse Valcárcel, estarán presentes no acto reivindicativo que levarán adiante hoxe a partir das 19 horas na parada de bus de Castelo

O BNG rexistrou iniciativas no Concello de Lugo e no Parlamento Galego para instar á Xunta a mellorar a seguridade viaria nas estradas da súa titularidade, recollendo as reivindicacións veciñais de distintas zonas da cidade

O BNG apoia a mobilización veciñal da veciñanza de Castelo para reclamar maior seguridade na estrada da Fonsagrada



Lugo, 06 de setembro de 2024. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo e Montse Valcárcel, deputada do BNG no Parlamento Galego, estarán presentes esta tarde na acción reivindicativa que executará a veciñanza de Castelo  hoxe a partir das 19 horas para reclamar unha maior seguridade viaria na estrada da Fonsagrada. Arroxo lembrou que o BNG presentou iniciativas no Parlamento Galego e no Concello de Lugo para instar á Xunta de Galiza a que mellore a seguridade viaria nas estradas galegas que comunican Lugo.

"Trasladamos as reclamacións da veciñanza de Castelo a respecto da estrada da Fonsagrada, ademais de outros problemas de seguridade viaria nas estradas de Portomarín e Friol", declarou o portavoz do BNG, que engadiu "compartimos a preocupación das veciñas e veciños dos núcleos afectados, e solicitaremos o apoio dos grupos municipais para esixir á Xunta de Galiza que mellore as condicións das distintas estradas, que afectan a núcleos de poboación de Lugo".

A estrada da Fonsagrada conta cunha intensidade media diaria de 10.311  vehículos no seu punto de medida máis próximo ao barrio de Castelo. O barrio atópase dividido polo percorrido da vía, e conta cunha importante mobilización veciñal para reclamar melloras entre as que se atopa unha nova limitación de velocidade (pasando a 50 Km/h en lugar dos 70 Km/h actuais), a instalación de pasos de peóns nas paradas de bus para evitar que as persoas, especialmente as de avanzada idade ou con problemas de mobilidade teñan que cruzar unha estrada aberta ao tráfico ou a creación dunha beirarrúa que una a rúa San Eufrasio co Carqueixo, creando un itinerario peonil seguro.

As estradas de Portomarín e de Friol, malia que contan cunha mellor limitación da velocidade nos núcleos de poboación, teñen tamén deficiencias á hora de facilitar o acceso ás paradas de bus urbano. No caso da LU-612, só se atopa un paso de peóns ao comezo do percorrido, na intersección coa Estrada Vella de Santiago, dificultando o acceso das veciñas e veciños dos núcleos de Piúgos e da contorna ás paradas de bus. Trátase de pasos de peóns moi reclamados pola veciñanza, dado que se trata dunha zona con numerosa poboación. A LU-232 non conta con ningún paso de peóns, malia que esta estrada conta con cruzamentos do Camiño Primitivo.

Arroxo afirmou que estas zonas da cidade "están a ser marxinadas por parte da Xunta, as veciñas e veciños teñen dereito de contar con infraestruturas e servizos seguros e que faciliten e se adapten ás necesidades dos seus habitantes".

O BNG apoia a mobilización veciñal da veciñanza de Castelo para reclamar maior seguridade na estrada da Fonsagrada