“HAI IMPORTANTES INVESTIMENTOS NA ZONA E A ADMINISTRACIÓN PÚBLICA TEN NA SÚA MAN IMPULSAR A ZONA CON INICIATIVAS DE APOIO AO TURISMO E A PRODUCIÓN VITI-VINÍCOLA” AFIRMOU A CANDIDATA DO BNG
A candidata do BNG ao Congreso, Maite Ferreiro, destacou a necesidade dun plan de promoción da Ribeira Sacra en Pantón
Maite Ferreiro mantivo unha xuntanza coa voceira do BNG no concello de Pantón, Rosana Prieto, para coñecer as necesidades do concello e trasladalas ao Congreso
Ferreira de Pantón, 5 de abril de 2019. A candidata do BNG ao Congreso pola circunscrición de Lugo, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza coa voceira do BNG no concello de Pantón, Rosana Prieto, para coñecer as necesidades deste concello e trasladar as propostas ao Congreso dos Deputados. “Galiza, Lugo e a Ribeira Sacra non tiveron voz en Madrid durante os últimos anos e o BNG volverá a defender, a partir do 28 de abril, no Congreso os interesas das veciñas e veciños que viven e traballan no sur de Lugo” afirmou Maite Ferreiro.
“O sur de Lugo é unha comarca con enormes posibilidades económicas tanto turísticas como produtivas” sinalou Ferreiro e engadiu “hai importantes investimentos na zona e a administración pública ten na súa man impulsar a zona con iniciativas de apoio ao turismo e a produción viti-vinícola”. A candidata do BNG afirmou que “en Madrid tómanse numerosas decisións que afectan a esta zona, se o BNG non está, non haberá voces no Congreso que representen a este país e ningué defenderá o desenvolvemento dunha as comarcas con máis posibilidades do país”.
As representantes do BNG sinalaron o despoboamento como un dos principais problemas da comarca “dende os goberno da Xunta, do Estado, e dende o propio concello hai que impulsar políticas transformadoras para reverter esta situación e no BNG sabemos como facelo por que temos experiencias de goberno onde se demostrou que se poden reverter estas tendencias que, son froito de gobernos que non teñen máis interese que perpetuarse no poder”.