O BNG-AA LEVARÁ AO PLENO UNHA INICIATIVA PARA APOIAR UN NOVO SISTEMA DE CONCERTO PARA FINANCIAR OS SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS EN GALIZA
“Con capacidade para decidir sobre os nosos tributos poderíase cobrar o IBI aos negocios da igrexa” dixo Arroxo
Arroxo dixo que “cun maior finanzamento a Xunta podería solucionar a falta de servizos no HULA, rematar o Plan Paradai, crear o Museo en S Fernando, dotar o Auditorio ou mellorar os servizos sociais e sanitarios”
Lugo, 31 de xaneiro 2016. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, anunciou hoxe que trasladará a debate no pleno da corporación unha iniciativa para amosar o apoio ao concello de Lugo unha nova proposta dun novo sistema de concerto para financiar os servizos públicos básicos en Galiza. Rubén Arroxo exemplificou a necesidade de acadar unha maior capacidade para decidir sobre os impostos que se recadan en Galiza e sobre o destino que se lle dan aos cartos que se recadan.
Arroxo lembrou que, segundo os últimos datos dos que dispón o BNG, Galiza recada en impostos para o estado 11.000 millóns de euros mentres que recibimos, en aportacións do estado 7.000 millóns e sinalou “Galiza está aportando ao estado, en contra do que sempre se nos di, 3.000 millóns de euros”. “Coa proposta de finanzamento que fai o BNG e que equipararía as condicións tributarias de Galiza ás das a outras nacionalidades históricas recoñecidas na constitución española, Galiza recibiría 1.200 € por cada persoa que vive aquí” .
“Con capacidade para decidir sobre os nosos tributos poderíase cobrar o IBI aos negocios da igrexa” dixo Arroxo e lembrou que “en Lugo hai máis de 400 inmobles que son propiedade da igrexa polos que non se tributa, sendo que algún deles albergan auténticos negocios como é o caso do aparcadoiro do seminario”. Para a acadar este obxectivo habería que defender un novo acordo de financiamento para Galiza, baseado no concerto económico, na atribución a Galiza da plena capacidade normativa e responsabilidade fiscal sobre todos os impostos soportados neste país.
Arroxo dixo que “cun maior finanzamento a Xunta podería solucionar a falta de servizos no HULA, rematar o Plan Paradai, crear o Museo en S Fernando, dotar o Auditorio ou mellorar os servizos sociais e sanitarios”. “Un maior finanzamento para Galiza podería repercutir en Lugo e na calidade de vidas das persoas que habitamos ao igual que no resto vilas e cidades galegas, por eso entendemos que as corporacións locais teñen que posicionarse sobre as propostas de finanzamento das que se está a debater a nivel do estado” afirmou Arroxo.
Arroxo lembrou que a Conferencia de Presidentes que tivo lugar en xaneiro de 2017 unicamente acordou iniciar os traballos para a revisión do modelo de finanzamento, xa que desde 2014 estaba prorrogado por decisión unilateral do Goberno central. As conclusións deste conclave deixan entrever que o Goberno central e os gobernos das comunidades autónomas presentes non teñen interese en facer unha revisión a fondo do sistema de financiamento, mantendo en mans da administración central do Estado a maior parte da capacidade fiscal e recadatoria. “Desde o BNG cremos necesario mudar o actual modelo, onde Galiza recibe o que se acorda desde Madrid, sen capacidade para exercermos unha política fiscal propia” dixo Rubén Arroxo.