A PARLAMENTARIA DO BNG AFIRMOU QUE A SITUACIÓN DE NADELA "RESPONDE Á ESTRATEXIA DO PP DE DESMANTELAR A SANIDADE PÚBLICA"
Carme Aira levará ao Parlamento Galego a situación do Centro de Saúde de Nadela
Aira: "A veciñanza de Nadela e das outras parroquias que atende este centro precisa atención primaria toda a semana"
A parlamentaria do BNG afirmou que a situación de Nadela "responde á estratexia do PP de desmantelar a sanidade pública"
Lugo, 28 de outubro de 2023. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Aira, anunciou que presentará unha serie de iniciativas para reclamar á Xunta que manteña o servizo de atención primaria no Centro de Saúde de Nadela. Segundo Aira, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario" e engadiu "en vez de aportar solucións ás doenzas das veciñas e veciños de Nadela, creamos novos problemas, como forzar á poboación, en moitos casos maior e con problemas de mobilidade, a desprazarse de maneira innecesaria".
O BNG leva apoiando ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. No verán, a veciñanza denunciaba o peche do centro e que a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, "nos últimos días coñecemos que o plan da Xunta do PP é deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro".
Carme Aira defenderá no Parlamento que "tres días á semana non son suficientes, a poboación non pode decidir que día enferma". A parlamentaria nacionalista lembrou que a atención primaria "é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta".
A deputada afirmou que "a Xunta de Galiza pretende pechar o centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e engadiu "a veciñanza ten que poder asistir ao seu médico todos os días".