Comezan os traballos de peonalización da rúa Gallego Tato
Arroxo: “trátase do modelo que servirá de espello para deseñar os entornos escolares de Lugo”
Esta actuación executarase nunha zona importante da cidade onde conflúen instalacións deportivas, centros de ensino, zonas verdes e o Centro Social da Piringalla
Lugo, 27 de outubro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, visitaron a rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, onde veñen de comezar os traballos de peonalización que permitirán continuar a avanzar na renovación das contornas escolares. O Tenente Alcalde afirmou que “hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.
O Goberno de Lugo adxudicou os traballos cun orzamento de 235.950€, e un prazo de execución de 4 meses á empresa Portosar. Con esta actuación crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán.
O proxecto de obra define a nova zona como oasis no tecido urbano, dado que propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.
Arroxo destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.