Olalla Rodil visita Cervantes para coñecer os proxectos sociocomunitarios do CDR Ancares
A deputada do BNG mantivo unha xornada de traballo co colectivo enfocada nos coidados das persoas maiores e o dereito de envellecer no propio fogar
Rodil: “ É fundamental garantir o apoio das administracións públicas para o desenvolvemento destes proxectos, mais tamén é básico impulsar un modelo público de coidados que poña no centro ás persoas”
Cervantes, 27 de outubro de 2022.- A deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego, Olalla Rodil, visitou en Cervantes o Centro de Desenvolvemento Rural Ancares. Nunha xornada de traballo común arredor dos servizos sociomunitarios, coñeceu de primeira man os proxectos nos que están a traballar.
Neste intre, o colectivo está a desenvolver diversos programas dirixidos á infancia, á atención integral das mulleres e os coidados das persoas maiores que viven nesta bisbarra da Montaña de Lugo. Estas iniciativas están a valorizar social e economicamente A Montaña garantindo máis e mellor calidade de vida para as persoas que viven e traballan neste lugar.
Olalla Rodil destacou o gran labor deste colectivo “desde o BNG queremos recoñecer o gran traballo do CDR Ancares, levan anos desenvolvendo programas e proxectos integrais que buscan garantir benestar pensando no local, no comunitario, na vitalidade do movemento veciñal e na solidariedade entre xeracións”.
A deputada do BNG destacou que na xornada de traballo achegáronse distintas propostas e ideas en común, sobre todo no relativo aos servizos dos coidados das persoas maiores “nesta xornada conxunta de traballo puidemos pór en común distintas iniciativas, especialmente no impulso dunha rede de servizos de proximidade, que garantan o dereito a unha vellez digna e a envellecer na propia casa”.
Neste senso, Rodil subliñou “para o BNG é fundamental garantir o apoio das administracións públicas para o desenvolvemento destes proxectos, mais tamén é básico impulsar un modelo público de coidados que poña no centro ás persoas e que garanta benestar e calidade de vida, como está a facer o CDR Ancares”.