OS SERVIZOS ELECTROMECÁNICOS MUNICIPAIS ENCÁRGANSE DA SUPERVISIÓN DA INSTALACIÓN
Comezan os traballos de soterramento das liñas eléctricas do polígono do Ceao
Alexandre Penas: “desde a concellería de Infraestruturas colaboramos cunha actuación que mellorará a estética e seguridade da zona”
Lugo, 14 de agosto de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou o inicio dos traballos de soterramento das liñas eléctricas de media tensión na rúa da Industria do polígono do Ceao, realizadas por Begasa.
“O soterramento das liñas permitirá mellorar a estética da contorna, ao eliminar os soportes metálicos da mediana, e aumentar a seguridade ao retirarse o cableado”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “o soterramento docableado permitirá tamén maior seguridade aos vehículos de gran tamaño que circulan pola contorna”.
Alexandre Penas informou que “desde a concellería de Infraestruturas non realizamos directamente esta intervención, senón que nos encargamos de autorizar e supervisala desde os servizos electromecánicos”.
“Desde os servizos electromecánicos da concellería de Infraestruturas realizamos o seguimento da actuación para que non afecte á instalación de alumeado público nin ao resto de redes instaladas na zona, como as telecomunicacións”, explicou Alexandre Penas.