O CONCELLO DE LUGO ACORDOU INSTITUCIONALIZAR O DÍA DA GALIZA MÁRTIR EN FEBREIRO DE 2020
O Concello de Lugo homenaxea, no día da Galiza Mártir, a todas as persoas represaliadas polo franquismo
Maite Ferreiro: “hoxe mantemos viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”
Lugo, 17 de agosto de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, encargouse hoxe de levar a cabo a homenaxe institucional que o concello de Lugo, desde a área de Cultura, realizou polo día da Galiza Mártir a todas as persoas represaliadas polo franquismo. No acto, que tivo lugar no Vello Cárcere, Maite Ferreiro afirmou que “hoxe mantemos viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”. O acto contou coa presenza de Xoán Xesús Rojas, do Ateneo Galeguista, que deu lectura do manifesto e se encargou, xunto coa edil de Cultura, de realizar unha ofrenda floral na memoria de todas as represaliadas e represaliados polo franquismo.
“Tivo que ser no exilio, en Bos Aires, onde a Irmandade Galega instaurou o 17 de agosto como día da Galiza Mártir, coincidindo coa data do fusilamento de Alexandre Bóveda no monte de Caeira”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego”. “Con esta acción damos un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo”, sentenciou a edil de Cultura.
Día da Galiza Martir
A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o28 de Xuño de 1936.
Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.
Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivasdo pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.
Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum “Galicia Mártir” a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro “Sempre en Galiza”, e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso “Alba de Gloria”, foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira o 17 de Agostode 1936.
Manifesto do Día da Galiza Mártir 2020
Bo día a todas e todos. Aos presentes e a quen – este ano – por obvios motivos non pode estar, mais, porén, non está ausente.
Grazas por celebrar e honrar connosco un pasado que non pasa, e a continuar reclamando, un futuro que non chega.
Este día, non entende de ausencias, aínda que a Galiza sabe de mártires. Estes nosos mártires non saben de ausencias, pois para iso entendemos este día; para revivir as súas vidas, para sacralizar as súas mortes. Todo coa ledicia mailo orgullo de poder – e deber – verbalizar que con valentía lembramos, o que por medo se quixo agochar.
Este acto é un acto de memoria, mais a memoria dos mártires que o foron por defender o noso modo de vida presente, é a memoria triunfante. É a memoria cultural que gañou que gañou á imposta pola violencia, por tanto, é patrimonio cultural de calquera dos que nos sentimos demócratas. Por iso, seguimos sen comprendermos a reticencia a institucionalizar unha celebración que debe ser de todos e todas as galegas demócratas.
Porque a cultura, por lei, tamén debe ser promovida polas administracións. Por iso tamén, seguimos convidando á conmemoración institucional desta data. A lograr, de novo, facer historia, e por isto tamén agradecemos ás que – como eiquí – están apoiando facela.
Esta nova historia que podemos – e debemos – facer entre todos, narrada a través deste noso patrimonio cultural, marcará os valores e anceios que desexamos proxectar de cara ao futuro. A un futuro con Cultura. E vai ser entón, que o futuro era dos nosos mártires.
Grazas por vos achegar á conmemoración, deste marabilloso pasado que temos por chegar. Grazas de corazón.