A Comisión de Tráfico aproba a reordenación do tráfico que permitirá a peonalización da Mosqueira
Rubén Arroxo: “estas modificacións permitirán gañar sobre 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos do centro”
A comisión municipal de tráfico celebrada hoxe aprobou o plan de reordenación proposto pola área de Mobilidade
Lugo, 16 de novembro de 2020. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que a comisión municipal de tráfico celebrada hoxe aprobou o plan de tráfico que permitirá a reordenación da circulación de cara á peonalización do tramo da Mosqueira. “Desde a área de Mobilidade realizamos unha proposta que permitirá aumentar a seguridade e a fluidez do tráfico nesta zona da cidade”, explicou Rubén Arroxo, e afirmou que “a nova ordenación das rúas permitirá tamén gañar algo máis de 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos a pé do centro da cidade”.
O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasará a ter unha rotonda que axilizará o tráfico que continuará pola avenida Rodríguez Mourelo ou pola avenida Ramón Ferreiro, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiará de sentido.
Para continuar cara a San Roque, deberá collerse a rúa Salvador de Madariaga, que cambiará de sentido, continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, que será dun só sentido e na que se poderá coller a rúa das Hermanitas para chegar a San Roque ou a rúa Cidade de Vigo, que cambiará tamén de sentido para comunicar, mediante o treito da praza da Constitución próximo á estación de autobuses co colexio Maristas e co aparcadoiro disuasorio do seminario menor.
Ademais, instalarase un semáforo para mellorar a seguridade no cruce entre a rúa Salvador de Madariaga e a avenida Ramón Ferreiro. Ademais, converteranse en vías de sentido único as rúas Galicia e Jacinto Calvo, no treito entre a Rúa Galicia e a rúa San Roque, e o treito da rúa Celso Emilio Ferreiro entre a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Galicia pasará a ser de dobre sentido.
"Estas modificacións servirán para aumentar a seguridade nos cruces, e o percorrido que une a rúa Vilalba con San Roque será o prioritario, polo que, nalgúns momentos do día, os desprazamentos poderán chegar a ser máis rápidos que co plan actual", explicou Rubén Arroxo, que engadiu " realizaremos esta reordenación do tráfico antes do inicio das obras na Mosqueira para evitar problemas na circulación".
Modificacións de aparcamento
A Avenida Ramón Ferreiro e a rúa Dinán gañarán aproximadamente 20 prazas de estacionamento cada unha, xunto coa Rúa Anxo López Pérez, que tamén gañará 20, a rúa Celso Emilio Ferreiro gañará 13, a rúa Galicia 35 e Jacinto Calvo, 15. Pola contra suprimiranse 13 prazas na rúa Celso Emilio Ferreiro e 5 en Salvador de Madariaga.