A concellería de Educación e Difusión do Coñecemento convoca o Consello Escolar Municipal
Felipe Rivas anunciou que na xuntanza se analizará o proxecto de vieiros escolares seguros postos en marcha pola concellería
Rivas: “esta xuntanza será un espazo de debate e análise da comunidade educativa que buscará o beneficio do estudantado e da mocidade de Lugo”
Lugo, 05 de abril de 2023. O edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, informou da convocatoria do Consello Escolar Municipal, “o órgano no que se integran os sectores sociais implicados na educación”. Felipe Rivas afirmou que “este órgano será un espazo de debate, análise e encontro da comunidade educativa, que servirá para coordinar accións de todos os obrantes da acción educativa en beneficio do estudantado e a infancia e mocidade de Lugo.
Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro día 20, Felipe Rivas trasladará ás persoas asistentes os plans de actuación a desenvolver dende a Concellería de Educación, e recollerá as opinións das e dos integrantes do Consello acerca do proxecto de vieiros escolares seguros, ademais de recoller propostas para aplicalos en máis centros de ensino.
O Consello Escolar Municipal conta coa participación, ademais do Concelleiro de Educación, de representantes da concellería de Educación, o Secretario do Pleno e un técnico de Enxeñaría, xunto con tres representantes da Consellería de Educación. Por parte da comunidade educativa asiste un representante dos centros de educación infantil, dous de educación primaria, dous de secundaria e un en representación do ensino privado. O profesorado está representado cun total de 10 persoas neste organismo, que conforman o organismo xunto con 6 representantes das familias e 4 estudantes de educación secundaria.