A concellería de Infraestruturas avanza no calmado de tráfico cunha nova serie de intervencións en toda a cidade
Comezou a execución dun novo paso de peóns elevado na rolda de Fingoi, e instalaranse elementos de calmado de tráfico nas rúas Pintor Corredoira, Estrada da Granxa, Río Sil e Avenida de Madrid
Alexandre Penas: “continuamos actuando para mellorar a seguridade viaria en Lugo, apostando por un tráfico calmado e por unha mellor convivencia entre tráfico e peóns”
Lugo, 26 de marzo de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou do inicio dunha nova fase do plan de calmado de tráfico, con novas actuacións en 5 zonas da cidade. “Comezamos a construcción de novos pasos de peóns elevados e elementos de calmado de tráfico, para continuar mellorando a seguridade viaria e avanzando no calmado do tráfico en toda a cidade”, afirmou Alexandre Penas.
A nova fase do plan inclúe a execución de pasos de peóns elevados e lombos que calmarán o tráfico na Rolda de Fingoi, en Pintor Corredoira, Estrada da Granxa, Río Sil e na Avenida de Madrid.
O concelleiro de Infraestruturas explicou que o plan de calmado de tráfico do Goberno de Lugo busca "aumentar a seguridade da veciñanza de toda a cidade, contando cun tráfico calmado e convertendo ao peón no centro da mobilidade". Alexandre Penas destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando primeiro nas zonas escolares, e que agora continuamos a ampliar en novas zonas da cidade".