O Concello solicita autorización á Xunta para utilizar suelocemento no aparcadoiro municipal do HULA
Alexandre Penas: “estamos a estudar o uso deste material, máis duradeiro que a zahorra actual, da que estamos a facer un novo mantemento”
Infraestruturas solicitará á Xunta de Galiza que autorice o uso dese material, dado que os terreos se atopan afectados pola área de protección para o conxunto megalítico de San Cibrao
Lugo, 25 de marzo de 2022. O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo está a realizar unha nova actuación de mantemento no aparcadoiro municipal do HULA, "unha actuación necesaria que planificamos para realizar en distintas épocas do ano para garantir o bo funcionamento desta instalación".
O concelleiro afirmou que o Goberno de Lugo está estudando mudar o material do aparcadoiro, “tratando de optimizar a durabilidade da instalación, estudamos a posibilidade de instalar unha capa de Suelocemento, un material granular que ten unha maior durabilidade que a zahorra instalada actualmente”.
A concellería de Infraestruturas solicitou á Xunta de Galiza que autorice o uso de Suelocemento nesta zona, “dado que estes terreos se atopan afectados pola área de protección do conxunto megalítico de San Cibrao, o que impide asfaltar os terreos”. Alexandre Penas explicou que “seguimos a buscar unha solución para o aparcadoiro municipal do HULA que permita garantir a mellor calidade posíbel na instalación”.
Suelocemento
O Suelocemento é un material que conta cunha boa resistencia aos axentes atmosféricos, o que aumenta a súa durabilidade nas instalacións no exterior e incrementa a vida útil do terreo. Ademais, é posíbel fabricalo utilizando materiais reciclados. As características do material están recollidas no BOE número 3 do 3 de xaneiro de 2015.