ALEXANDRE PENAS: “INSTALÁRONSE FAROLAS RECUBERTAS CUN POLÍMERO ILLANTE PENSANDO NA SEGURIDADE DAS NENAS E NENOS”
A concellería de Infraestruturas Urbanas ilumina o xardín Ibañez Méndez, na Fonte dos Ranchos
Durante as fases de desescalada nas que non se poidan utilizar as zonas de xogo infantís só se iluminará a zona de paseo
Lugo, 06 de maio de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas anunciou a instalación de 10 puntos de luz no xardín Ibañez Méndez, no entorno da fonte dos ranchos. Segundo indicou Alexandre Penas, “trátase dunha actuación moi solicitada pola veciñanza da contorna, ao ser unha localización moi utilizada tanto para o paseo como para os xogos infantís”.
“Instaláronse farolas LED, que permiten aforrar enerxía respecto á iluminación tradicional”, afirmou Alexandre Penas, que engadiu “ademais, as columnas están cubertas cun polímero illante que aumenta a seguridade da instalación, pensando na seguridade das nenas e nenos que utilizan este parque”. En total, a concellería de Infraestruturas Urbanas investiu 31.201,93€ nesta actuación.
Segundo indicou Alexandre Penas, “durante as fases da desescalada nas que as zonas de xogo infantís teñan que estar pechadas, só se activará a iluminación da zona de paseo, e, unha vez se chegue á situación de normalidade, poñerase en marcha a totalidade da instalación”.