O Concello de Lugo aproba unha declaración institucional en defensa do pobo de Palestina, impulsada polo BNG
Rubén Arroxo: “é precisa unha mudanza de actitude ante as agresións contra as e os palestinos”
O Pleno Municipal aprobou por unanimidade unha proposición do BNG para defender a gratuidade das autoestradas
Lugo, 21 de maio de 2021. O Portavoz Municipal do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Concello de Lugo aprobará no vindeiro pleno unha declaración institucional, a proposta do BNG, en defensa do pobo de Palestina. Arroxo explicou que “reclamamos á comunidade internacional que lle esixa ao goberno de Israel que cumpra coas resolucións da ONU e respecte os dereitos das palestinas e palestinos”.
O texto proposto polo BNG defende que o conxunto da comunidade internacional deben actuar de forma contundente e condenar sen paliativos a agresión israelí, a última das violacións sistemáticas por parte de Israel dos dereitos humanos e do dereito da poboación palestina a vivir en Paz e en seguranza no seu País, nun Estado Palestino independente e soberano.
Proposición Autovías
O Pleno Municipal aprobou a proposición do BNG para defender a gratuidade das autovías galegas. A proposición, que se enmarca dentro da campaña de accións sociais e institucionais presentada polo BNG nos últimos días, destaca “o caracter regresivo e o impacto negativo que esta medida tería para as galegas e galegos, mermando a competitividade do tecido empresarial do país, e reducindo a seguridade viaria, ao non contarmos con comunicacións dignas co resto de Galiza”, explicou o edil nacionalista.
“Desde o BNG sempre estivemos en contra desta medida, que supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza”, explicou Rubén Arroxo en relación á proposta do BNG aprobada polo Parlamento Galego no ano 2019, despois do primeiro anuncio realizado polo goberno do estado, onde se manifestaba unha rotunda oposición ao establecemento de peaxes nas autovías de titularidade estatal.