O CONCELLO TEN A DISPOSICIÓN DAS FAMILIAS UN PUNTO DE INFORMACIÓN DO APEGO DURANTE O SAN FROILÁN MIÚDO
O Concello relanza durante o San Froilán o proxecto Apego para facilitar a socialización en galego desde o nacemento
Durante a primeira fin de semana de festas, as inscricións creceron máis do 60%
Lugo, 07 de outubro de 2019. O Concello de Lugo ten colocada, durante todas as actividades do San Froilán Miúdo, un posto informativo do proxecto Apego. Segundo a Concelleira, “desde a área de Cultura marcámonos como obxectivo relanzar este proxecto do cal o Concello é membro desde o ano 2017”. “Vemos como cada vez as nenas e nenos teñen menos coñecemento da nosa lingua”, indicaba Maite Ferreiro en relación ás últimas estatísticas do IGE, nas que se indica que o 23,9% da poboación entre 5 e 14 anos non sabe expresarse no idioma propio.
Maite Ferreiro indicou que “só na primeira fin de semana, aumentamos as inscricións ao proxecto nun 60%”, e engadiu “durante o resto das festas continuaremos a promocionar o proxecto Apego, e darémoslle peso dentro da programación cultural para nenos e nenas”.
Co proxecto Apego quérense implicar as familias na valoración positiva da lingua propia. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.
As persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade do Apego, pola vida e pola lingua, poden dirixirse ao posto informativo do San Froilán Miúdo ou ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Coa adhesión, regálase unha caixa de benvida con materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. A partir da alta no programa, recibirán periodicamente información e propostas par que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades.