Continúa a renovación do alumeado público cunha nova intervención na Rolda das Mercedes e Xosé Castiñeira
Alexandre Penas: "continuamos coa mellora do alumeado público da cidade, instalando novas luminarias para mellorar a imaxe desta zona, reducindo o consumo eléctrico do concello"
Con esta actuación reduciranse en 1.9 Toneladas de CO2 as emisións da rede de alumeado público, aforrando en total 1235W
Lugo, 24 de abril de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de adxudicar a renovación da rede de alumeado público na Rolda das Mercedes e en Xosé Castiñeira. "Con esta actuación avanzamos na mellora da rede de alumeado público da cidade e melloramos do mesmo xeito a imaxe desta zona", afirmou Rubén Arroxo.
A actuación adxudicouse cun orzamento de 52.162,91€. Os traballos consistirán na renovación das actuais luminarias de 150W, substituíndoas por luminarias led de 85W. Isto permitirá aforrar 1235W ao ano, evitando emitir 1.9 Toneladas de CO2
Desde a concellería de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, que se executarán durante o 2022. Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en múltiples zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade.