Continúa a reurbanización de Lamas de Prado, coa plataforma única da praza do Castiñeiro completada
Rubén Arroxo achegouse á zona para comprobar os avances realizados nos traballos que está a executar o Goberno de Lugo
Arroxo: “a veciñanza da zona pode desfrutar dun novo espazo peonil baseado no modelo de plataforma única, que fomenta a convivencia entre persoas e vehículos cun tráfico calmado”
Lugo, 30 de agosto de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, achegouse ata a rúa Lamas de Prado onde continúan a executarse os traballos de reurbanización postos en marcha pola área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo. Arroxo anunciou que vén de entrar en funcionamento a nova plataforma única ubicada na contorna da praza do Castiñeiro. “Habilitamos para a veciñanza un novo espazo peonil nun entorno que nos vindeiros meses estará completamente renovado, avanzando na implantación do modelo de plataforma única que fomenta a convivencia entre as persoas e os vehículos, calmando o tráfico e permitindo o tránsito peonil pola zona”, explicou Rubén Arroxo.
O Goberno de Lugo está traballando tanto na renovación das beirarrúas como nas diferentes instalacións de servizos que están soterrados, eliminando barreiras arquitectónicas e aumentando a accesibilidade nunha zona da cidade que acolle a máis de 15.000 habitantes.
A actuación supón un investimento de 533.933€, e inclúe tamén a renovación do mobiliario urbano de as zonas verdes da zona, xunto coa instalación dunha nova marquesiña para a parada do bus urbano.