O Goberno de Lugo activa a peonalización do treito final da rúa Camiño Real
Arroxo afirmou que “esta actuación permitiranos avanzar na recuperación de espazos para as persoas na contorna da Muralla, este treito converterase no Bispo Aguirre da zona norte”
Esta mañá adxudicouse a execución da obra, que suporá un investimento de 279.432€
Lugo, 31 de agosto de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que vén de aprobarse a contratación da peonalización do treito final da rúa Camiño Real, comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. “Poñemos en marcha outra das nosas propostas coa que nos presentamos ás eleccións de 2019, continuando a avanzar na recuperación de espazos peonís na contorna da Muralla”, explicou o Rubén Arroxo, que engadiu “este treito será a rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, e, ao continuar a retirar vehículos da contorna da Muralla facilitará avanzar en futuras peonalizacións”.
A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.
Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.
O Goberno de Lugo aprobou hoxe a contratación da execución desta obra, que suporá un investimento de 279.432,31€. A empresa adxudicataria, Construcciones Taboada y Ramos, terá un prazo de execución de 6 meses unha vez comecen os traballos.