Felipe Rivas: “tramitamos as axudas para libros de texto en 3 meses menos que anos anteriores”

A concellería de Educación vén de publicar as listaxes definitivas das axudas para libros de texto e material escolar

 “As familias poderán recoller os vales entre o 5 e o 16 de setembro”, explicou Felipe Rivas

Felipe Rivas: “tramitamos as axudas para libros de texto en 3 meses menos que anos anteriores”

Lugo, 29 de agosto de 2021.O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou a publicación das listaxes definitivas das axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos. "Por terceiro ano consecutivo melloramos os tempos deste trámite, realizando todo o procedemento en 3 meses menos que no 2020 para conseguir que as familias poidan desfrutar destas axudas nos primeiros días de curso", afirmou Felipe Rivas.

 

O edil de Educación explicou que "desde o Goberno de Lugo traballamos cada ano en facilitar ás familias, no menor prazo de tempo posíbel, esta axuda que serve para garantir o acceso ao material a moitas nenas e nenos".

 

A concellería de educación concedeu un total de 354 axudas por un valor de 100€. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope en 6.860,30€,. En total, este ano recibíronse 672 solicitudes.

 

Os vales poderán utilizarse nas librarías de Lugo, e poderán recollerse nas oficinas da concellería de Educación entre o 5 e o 16 de setembro en horario de 9 a 14 horas. As listaxes poden consultarse no taboleiro de anuncios da concellería de Educación e na web municipal.

Felipe Rivas: “tramitamos as axudas para libros de texto en 3 meses menos que anos anteriores”