A EDIL DE PARTICIPACIÓN FORMOU PARTE DUNHA DAS MESAS REDONDAS DA FEIRA
Cristina López asiste á Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios de Valencia
A edil de Participación formou parte dunha das mesas redondas da feira
A FunerMostra reúne a máis de 2.000 profesionais do sector funerario
Lugo, 18 de outubro de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, acudiu á feira internacional de produtos e servizos funerarios FunerMostra, que se está a celebrar en Valencia, para coñecer as últimas novidades no sector e continuar coa mellora do Cemiterio Municipal de Lugo. A concelleira de Participación acudiu á mostra e participou nas distintas actividades organizadas na mesma con profesionais do sector funerario, acompañada pola Xefa de Servizo de Participación, Amparo Rubinos.
Cristina López destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal, e a promoción que a presenza desta feira dará "a un dos poucos cemiterios de xestión totalmente pública de todo o estado". Cristina López afirmou que "seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, mellorando as instalacións seguindo as solicitudes que nos fan as veciñas e veciños, e avanzando de cara a contar cun cemiterio referencial a nivel internacional".
A 17 edición de FunerMostra reúne a máis de 2.000 profesionais do sector funerario durante estes días en Valencia. Durante a feira lévanse adiante comisións de traballo e xuntanzas profesionais de cemiterios e empresas relacionadas co sector fúnebre. Conta con máis de 106 empresas expositoras procedentes de todas as zonas do mundo e ano tras ano é visitada por miles de visitantes de distintos países.