A EDIL DE PARTICIPACIÓN LEMBROU QUE AS INSTALACIÓNS CONTAN CON CADEIRAS DE RODAS "DADO O TAMAÑO DO CEMITERIO, PARA FACILITAR A MOBILIDADE"
Cristina López: "O Cemiterio Municipal conta con distintas opcións de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida"
A edil de Participación lembrou que as instalacións contan con cadeiras de rodas "dado o tamaño do Cemiterio, para facilitar a mobilidade"
López: "Seguimos traballando para mellorar o Cemiterio de Lugo e garantir que todas as persoas que visitan este lugar o fagan da mellor maneira posible"
Lugo, 04 de xuño de 2024. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, lembrou que o Cemiterio Municipal conta con distintas solucións de mobilidade para as persoas con mobilidade reducida. López afirmou que, xunto con distintos accesos adaptados, o Cemiteiro conta cunha serie de cadeiras de rodas "para facilitar a mobilidade ás persoas que non poden camiñar longas distancias". As persoas interesadas en utilizar as cadeiras de rodas do Cemiterio Municipal, só terán que solicitalas ao persoal á entrada nas instalacións, e devolvelas á saída da súa visita.
Cristina López, concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, afirmou que "seguimos a traballar para garantir a accesibilidade de todas as persoas que visiten o Cemiterio Municipal, tanto para visitar aos seus familiares como para achegarse ás distintas actividades ou ao espazo expositivo Memoria Viva do Cemiterio Municipal". Cristina López afirmou que "a exposición é unha clara aposta pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade", e engadiu "supón tamén recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva".
O Goberno de Lugo continúa a facer importantes esforzos para a mellora do Cemiterio, como a renovación da porta automática no acceso lateral, comunicando coa zona nova do Cemiterio, onde nos últimos anos se realizou unha ampliación para garantir a dispoñibilidade de espazo.
Con esta mellora, a Tenencia de Alcaldía continúa a mellora das instalacións do Cemiterio Municipal. A edil de Participación, Cristina Lopez animou a toda a veciñanza a visitar o Cemiterio de San Froilán, e a desfrutar "das distintas actividades que se organizan desde o Goberno de Lugo, como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo".