Daniel Castro visita o Aeródromo de Rozas “unha instalación cun gran potencial que non está a traer melloras para Castro de Rei”
"Un grupo do BNG en Madrid será determinante para defender os nosos intereses ante os ministerios responsabeis deste tipo de proxectos” dixo Daniel Castro
Daniel Castro: “os gobernos da xunta e do estado incumpriron todas as súas promesas con esta infraestrutura, non se destinou exclusivamente á investigación civil, e Castro de Rei perdeu case 400 habitantes na última década”
Lugo, 23 de xuño de 2023. O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, e a número 2 da candidatura, Cristina López, xunto con representantes do BNG en Castro de Rei visitaron o Centro de Investigación Aeronáutica de Rozas. Daniel Castro explicou que “desde o BNG vemos nesta instalación un gran potencial no eido do I+D+i, mais que non está a supoñer unha mellora para a vila de Castro de Rei”.
“Un grupo parlamentario do BNG no Congreso será fundamental para defender os nosos intereses ante organismos como o ministerios que teñen responsabilidades sobre este tipo de proxectos””explicou Daniel Castro, que engadiu “o CIAR foi creado en Novembro 2014 cun importantísimo investimento por parte dos gobernos do estado e da Xunta de Galiza, prometendo que o centro estaría adicado a promover os drons no ámbito civil”
Segundo os datos do INE, Castro de Rei perdeu na última década preto de 400 habitantes, pasando de 5.422 persoas en 2012 a 5.033 ao peche de 2022. “A realidade é que, practicamente 10 anos despois do inicio do proxecto, a vila de Castro de Rei continúa a perder poboación a pesar dos importantes investimentos públicos para atraer empresas”, declarou o candidato do BNG.
“O aeródromo de Rozas ten que servir para poder mellorar os servizos públicos galegos como a prevención e extinción de lumes, a xestión de catástrofes, a xestión do Territorio, a vixilancia costeira e do medio ambiente e para apoiar certos servizos sanitarios e de Emerxencias”, afirmou o candidato do BNG, que engadiu “nos últimos anos foi utilizado como lanzadeira para a investigación militar, con proxectos como os avións espía MILANO”
Daniel Castro afirmou que o BNG defende a aposta polo I+D+I e a súa aplicación na Industria, o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento da innovación e da investigación aeronáutica, e explicou que “atendendo ao principio de solidariedade, antiimperialismo, paz e desarme no concerto internacional, que defende o BNG, traballaremos para que esta instalación se utilice exclusivamente, con aplicacións de uso civil”.