6 PROPOSTAS PARA TODO TIPO DE PÚBLICOS SERÁN REPRESENTADAS ENTRE O 3 DE NOVEMBRO E O 15 DE DECEMBRO
Dramaturgas, directoras e actrices galegas protagonizan a programación teatral no auditorio Gustavo Freire organizada pola área de Cultura
Lugo, 31 de outubro de 2019. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou no día de hoxe a programación teatral que dende a área se organiza no auditorio municipal Gustavo Freire. Un total de 6 propostas para todos os públicos serán representadas entre o 3 de novembro e o 15 de decembro.
“Nesta nosa primeira programación teatral quixemos poñer o foco nas dramaturgas, directoras e actrices galegas como fío condutor da programación, con habitualmente, salvo honrosas excepcións, menor presenza nos escenarios do país” afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “Queremos deste xeito por o noso gran de area para axudar na evolución en canto á perspectiva de xénero no sector das artes escénicas”. A edil nacionalista indicou que se trata de “espectáculos de calidade para o deleite das amantes do teatro e para enganchar a aquelas persoas que se acheguen a esta arte por primeira vez.
A programación teatral comezará este domingo, 3 de novembro ás 18:30, con TITA, representada por Títeres Babaluva, e orientada a público familiar. TITA é un espectáculo de títeres e actrices sobre a intelixencia emocional e a súa importancia na infancia.O domingo 17 ás 18:30, Butacazero representará a súa obra para maiores de 12 anos, #CAMIÑOS, un espectáculo cómico que reflexiona sobre o que se perde e o que se mantén do pasado na nosa vida diaria. O seguinte domingo, 24 de novembro, a peza de teatro con monicreques e actrices para público familiar O PODER DE AMABEL, da compañía Pérez & Fernández representará a novela infantil de Érica Esmoris. O mes de novembro remata coa representación de INVISIBLES, de Redrum Teatro, o mércores 27 ás 21h. INVISIBLES é un espectáculo creado a partir da novela homónima de Montse Fajardo que presenta 7 historias cun denominador común: a violencia de xénero.
A programación continúa no mes de decembro con dúas representación máis. O domingo 8 ás 18:30, Contraproducións representará A COMPAÑEIRA DE PISO, espectáculo cómico para maiores de 16 anos que aborda os temas da idade, muller e a identidade dun xeito fresco e divertido. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que acontece cando este descarrila. O día 15 ás 18:30, Lila Teatro encargarase de pechar a programación con RARA AVIS, espectáculo para público familiar que fai honra a todas as criaturas excepcionais que buscan o seu lugar no mundo.
Entradas e descontos
Os espectáculos para público adulto (maiores de 12 anos en diante) terán un prezo de 5€, podendo obter un desconto do 30% as persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG. Nos espectáculos para público familiar, as entradas terán un prezo único de 3€.
As entradas poderán ser adquiridas no portal web entradaslugo.es e na Oficina Municipal de Turismo até 3 horas antes do comezo de cada función, e no propio auditorio desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo. As persoas que adquiran entradas con descontos, deberán acreditalos ao acceder ao recinto.