DENDE A ÁREA DE MOBILIDADE E INFRAESTRUTURAS INVESTIRANSE 67.696€
A Xunta de Goberno aproba os pregos de licitación do novo Plan de Tráfico da Milagrosa
A licitación sae adiante mediante un procedemento aberto simplificado
Lugo, 30 de outubro de 2019. O Alcalde en funcións e responsábel de mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os pregos de licitación dun procedemento aberto simplificado, por un custe de 67.696€, das actuacións para o novo Plan de Tráfico do barrio da Milagrosa. Segundo Arroxo, as actuacións terán un prazo de execución de 2 meses “e mellorarán a circulación do tráfico e a seguridade vial na zona”
Rubén Arroxo indicou que “entre as actuacións previstas para mellorar a seguridade dos veciños e veciñas da zona está o desprazamento de varios pasos de peóns”. Ademais, “reordenaremos o tráfico para aumentar a súa fluidez”. Rubén Arroxo anunciou que na Avenida da Coruña, modificarase o acceso á praza Agro do Rolo, a través dunha nova incorporación, a cal agora está habilitada provisionalmente para os buses urbanos.
Rubén Arroxo indicou que noutras rúas mudarán o sentido da circulación, entre elas, as rúas Xulia Minguillón e Mallorca cambiarán de sentido “creando así unha supermazá que una a avenida da Coruña e Yañez Rebolo, permitindo o xiro en sentido horario”.