ADEMAIS O BNG PEDIRÁ EXPLICACIÓNS POLAS MÁIS DE 10 INICIATIVAS QUE LEVOU A PLENO, FORON APROBADAS, E ESTÁN SEN EFECTIVIZAR

“A empresa dos buses cobra máis de 2 € por quilómetro e temos un servizo do século pasado” dixo Maite Ferreiro

O BNG pedirá, na Comisión de seguimento de asuntos plenarios, a información do contrato coa concesionaria que o goberno se nega a facilitar

“A empresa dos buses cobra máis de 2 € por quilómetro e temos un servizo do século pasado” dixo Maite Ferreiro

Lugo, 2 de agosto 2018. A edil do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, informou dos asuntos a tratar na Comisión de Seguimento de Asuntos Plenarios desta semana. Ferreiro fixo especial fincapé “na teima do goberno municipal por non dar información aos grupos da oposición sobre o incumprimento do contrato do servizo de buses a pesares de existir unha iniciativa do BNG aprobada no pleno de decembro do 2017 na que se pedía que o goberno dese explicación á oposición nun praza de 15 días”.

Ferreiro sinalou que “ao paso que imos rematará o contrato antes de que a empresa poña en marcha as novas liñas e en funcionamento os novos sistemas de seguimento dos buses”. O contrato foi asinado entre a empresa concesionaria e o Concello de Lugo en febreiro de 2016 e ten unha duración de 10 anos, prorrogable 5 anos máis. “A empresa dos buses cobra máis de 2 € por quilómetro e temos un servizo do século pasado” dixo Maite Ferreiro. O importe do contrato ascende a case 3 millóns de euros anuais.

O goberno municipal ampárase na falta de posta en marcha do SAE (Sistema de Axuda á Explotación) para que a empresa non puxera en marcha as novas liñas nin as melloras que se lle supoñen ao novo contrato.  Para o BNG “trátase dunha verdadeira irresponsabilidade do goberno municipal que están permitindo, coa súa inacción, que a empresa funcione coas condicións do anterior contrato e cobren polas tarifas do novo”.

Unha decena de propostas do BNG a examen na Comisión

Maite Ferreiro informou, tamén, que nesta comisión o goberno municipal terá que dar conta sobre os acordos plenarios non resoltos e hai unha decena de propostas do BNG que se atopan na orde do día. Ferreiro puxo como exemplo a construción dun skate-park (aprobada en outubro 2017); a intervención na praza Conde Fontao (aprobada en abril 2018); actuacións no barrio do Carme (aprobada en xullo 2018); a contaminación do Rato na Garaballa (aprobada en abril 2018); ordenanza muncipal sobre a corta e saca de madeira (aprobada en abril 2018); a proposta aprobada sobre as zonas públicas de baño (aprobada en xullo 2018); limpeza e adecentamento da av. Adolfo Suarez (aprobada en xullo 2018).

“A empresa dos buses cobra máis de 2 € por quilómetro e temos un servizo do século pasado” dixo Maite Ferreiro