A VICEVOCEIRA DO BNG LEVARÁ AO PARLAMENTO GALEGO AS ACTUACIÓNS QUE SE ESTÁ A LEVAR A CABO SOBRE O FIRME DO CAMIÑO PRIMITIVO E SOBRE O SEU TRAZADO
“O que están facendo no Camiño Primitivo é unha barbaridade” dixo Olalla Rodil
Rodil visitou o tramo do Camiño na Baqueriza acompañada dun grupo de voceiros do BNG dos concellos de Fonsagrada, Castroverde e Baleira
Lugo, 3 de xaneiro de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, trasladará ao Parlamento Galego unha serie de preguntas, dirixidas á Xunta de Galiza, para clarificar cales son as intencións do executivo que preside Núñez Feijoo en relación as actuacións que se están a alevar a cabo no Camiño Primitivo. “O que están facendo no Camiño Primitivo é unha barbaridade” dixo Olalla Rodil e explicou que converten o camiño nunha pista para todo de vehiculos “provocando un tremendo impacto paisaxístico nun ben declarado patrimonio da humanidade”.
A propia vicevoceira do BNG no Parlamento Galego tivo que refuxiarse nunha das cunetas ao paso dun camión de gran tonelaxe no momento en que visitaba este punto do Camiño Primitivo. Rodil visitou o tramo do Camiño na Baqueriza acompañada dun grupo de voceiros do BNG dos concellos de Fonsagrada, Castroverde e Baleira e comprobaron a transformación do firme que está a facer a Xunta de Galiza con zahorra e grava. “Non é de recibo que se actúe deste xeito e entendemos que a posible necesidade de asistencia as persoas que transitan polo camiño non xustifica esta obra” afirmou Rodil.
Olalla Rodil tamén denunciou a falta de criterio nos cambios de trazado que se fixeron no Camiño Primitivo e dixo que “o PP considera o camiño como a pita dos ovos de ouro do turismo pero non respecta, para nada, o seu valor patrimonial e cultural”. “Existen estudosos e persoas que coñecen perfectamente o Camiño de Santiago que xa se teñen manifestado en contra das delimitacións de trazado que está facendo a Xunta pola falta de rigor á hora de establecer os percorridos” dixo Olalla Rodil.
Olalla Rodil sinalou que algúns historiadores xa dixeron, sobre esta intervención, que “o Camiño Primitivo debería ser símbolo da nosa historia, é unha marca de autenticidade, de rusticidade, e non se pode consentir que se modifiquen as súas dimensións, que se escave o pavimento ou se alteren os elementos inmateriais que forman parte da ruta desde hai séculos”. Para o BNG os Camiños de Santiago non se poden converter en sendeiros, vías verdes ou camiños turísticos.