Felipe Rivas: “Elena Candia arrastra á Xunta de Galiza a incumprir a lexislación electoral”
Nun acto de precampaña do PP utilizouse a imaxe institucional da Xunta de Galiza xunto coa de Elena Candia
O responsábel local do BNG afirmou que “non é a primeira vez que o PP usa a imaxe da Xunta de Galiza na actividade da campaña electoral”
Lugo, 19 de maio de 2023. O BNG de Lugo anuncia que está a estudar o uso que o Partido Popular realizou da imaxe institucional da Xunta de Galiza nun acto celebrado o pasado martes. O responsábel local, Felipe Rivas, afirmou que “Elena Candia levou á Xunta de Galiza a incumprir a lexislación electoral” e explicou que “un integrante da candidatura do PP compartiu imaxes dun acto de precampaña do partido na que se pode ver a imaxe institucional da Xunta, algo que está prohibido pola lexislación electoral vixente”.
Rivas afirmou que o BNG está a estudar as accións a levar a cabo ante este incumprimento da normativa electoral, e lembrou que “non é a primeira vez que desde o PP se utiliza a imaxe da Xunta de Galiza no material de campaña”, en relación a un vídeo elaborado nas eleccións galegas do ano 2020, que foi retirado tras a denuncia do BNG na Xunta Electoral.
A Xunta Electoral Central, no seu acordo 214/2019, estableceu, sobre o uso de símbolos e institucións, que en ningún caso será admisible a súa apropiación ou manipulación polas concretas entidades políticas nos seus programas e publicidade electoral.