Felipe Rivas presenta a súa candidatura a responsábel local do BNG de Lugo
O edil presentou hoxe a documentación da súa candidatura acompañado por Rubén Arroxo e militantes do BNG
A Asemblea Local celebrarase o vindeiro luns 29, a partir das 20:15
Lugo, 26 de novembro 2021.- O concelleiro do BNG Felipe Rivas vén de presentar a súa candidatura a responsábel local do BNG de Lugo, dentro do proceso de renovación dos organismos da fronte enmarcados nos traballos posteriores á Asemblea Nacional do BNG. Rivas presentou a súa candidatura acompañado polo portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, e por militantes do BNG na localidade.
O consello local é o órgano de dirección do BNG no concello de Lugo. “Afrontamos este novo reto con ilusión e co ánimo de expandir o proxecto do BNG a nivel local”, explicou Felipe Rivas. Rivas contará na súa candidatura, entre outras persoas, co responsábel local saínte, Luís Blanco.
Felipe Rivas destacou a importancia da militancia á hora de tomar decisións no seo do BNG. “As e os militantes do BNG somos os encargados de decidir a liña política e as decisións de peso dentro da organización”.
O consello local estará formado por un total de 15 persoas, ás que se sumará a persoa escollida pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. O responsábel local pasará a formar parte tamén do Consello Comarcal do BNG.