Ferreiro solicitou unha xuntanza ao Vicerreitor do Campus “para manter aberto o vicerreitorado”
Maite Ferreiro: “desde as administracións traballaremos para que a USC continúe a usar o vicerreitorado”
Segundo a edil de Cultura, o edificio da praza Pío XII “é un emprazamento privilexiado para o vicerreitorado da USC que non pode ser relegado só a acoller actividades institucionais”
Lugo, 15 de novembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de solicitar unha xuntanza co Vicerreitor do Campus de Lugo de cara a “explorar as distintas vías que permitan manter o edificio do vicerreitorado da praza Pío XII con actividade”. A concelleira de Cultura afirmou que “este edificio é un emprazamento privilexiado para a USC, cuxa rehabilitación requeriu dun importante investimento para as administracións implicadas, e non pode ser relegado só a acoller actividades institucionais”.
Maite Ferreiro defendeu que as instalacións da USC no centro “é un exemplo a seguir para recuperación do casco histórico, ás portas do barrio máis antigo de Lugo, a Tinería, que sigue agardando a que se complete a súa rehabilitación”, e engadiu “estas instalacións son un exemplo da unión vinculación do Campus de Lugo coa cidade, un campus cuxos proxectos son moi importantes para a economía de Lugo e de toda a Galiza interior”.
“O casco histórico non pode perder esta instalación”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “o peche do vicerreitorado únese ás reduccións de horarios dos últimos meses afectaron enormemente a unha programación cultural que estaba plenamente consolidada no calendario da cidade”. A edil de Cultura afirmou que “desde as distintas institucións traballaremos para que a USC continúe a utilizar e promocionar esta instalación”.