RODIL VISITOU AS INSTALACIÓNS DO HULA E REUNIUSE CON PERSOAL DO HOSPITAL PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN AS CONSECUENCIAS DO ANEGAMENTO
“En Galiza chove e en Lugo tamén, non é normal que no HULA entre a auga como se viu onte”
O BNG levará ao Parlamento Galego unha serie de preguntas sobre as inundacións no HULA polas choivas torrenciais
Lugo, 30 de maio 2017. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentou, esta mesma mañá, unha serie de preguntas no Parlamento Galego en relación as filtracións de auga derivadas da choivas de onte nalgunhas dependencias do HULA. Rodil dixo que "o BNG quere que se esclareza se a auga entrou por un defecto construtivo ou por fallos no mantemento do edificio, e tamén queremos saber se a dirección do SERGAS ten previsto medidas para evitar que volva a suceder. “En Galiza chove e en Lugo tamén, non é normal que no HULA entre a auga como se viu onte” dixo a Olalla Rodil que cualificou de “paradóxico” o feito de que se fixera un edificio destas dimensións en Lugo cunha cuberta plana.
Para a parlamentaria do BNG "non é normal que no interior dun centro hospitalario moderno, como é HULA, se teña que traballar pendentes das condicións meteorolóxicas como se fose no exterior". Rodil visitou na xornada de hoxe o centro hospitalario e mantivo unha xuntanza con persoal do centro e representantes da CIG para coñecer de primeira man as consecuencias do sucedido onte. A parlamentaria nacionalista sinalou que “ademais de todo o transtorno que supón a entrada de auga nas instalacións para persoal e pacientes, estanse poñendo en perigo equipos técnicos que costan millóns de euros”.
Dende o BNG reclamouse un informe do sucedido e que se analicen cales son as posibles solucións “por que esto vai volver a suceder si ou si”. Rodil asegurou “estas son as consecuencias de construir en Lugo un Hospital con cubertas deseñadas para Cadiz ou Sevilla”. A parlamentaria do BNG estivo acompañada na súa visita polos ediles do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro.