AS CARACTERÍSTICAS DO PERSOAL QUE TRABALLA NOS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER DE TITULARIDADE MUNICIPAL ESTÁ DEFINIDA POR UN DECRETO DO ANO 2016
O goberno ignorou os requisitos da normativa para contratación da letrada da Casa da Muller
“Non se fixo convocatoria, utilizouse un sistema cuestionable, e non se esixiu a formación que marca a Xunta para estes centros” explicou Ferreiro
Lugo, 21 de febreiro de 2019. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, advertiu que o goberno municipal ignorou a normativa vixente para cubrir o posto de Asesoría Xurídica na Casa da Muller. “Non se fixo convocatoria, utilizouse un sistema cuestionable, e non se esixiu a formación que marca a Xunta para estes centros” explicou Ferreiro e lembrou “dende o BNG xa vimos advertindo, dende fai tempo, da carencia de persoal neste Centro de Información á Muller e de que non se estaban cubrindo as baixas coa axilidade debida”.
A persoa que se encargaba da dirección da Casa da Muller e, ao mesmo tempo, da asesoría xurídica iniciou a baixa por enfermidade no mes de outubro do pasado ano e, segundo sinalou a edil do BNG “o goberno tivo tres meses para facer esta contratación de xeito conforme ás normativas que regulan o funcionamento destes centros, e non o fixo”. Xa na comisión de Benestar do mes de novembro de 2018 o BNG presentou unha serie de preguntas e advertiu sobre a situación na que quedaba o cadro de persoal da Casa da Muller.
O Decreto 130/2016 da Xunta de Galiza específica, no apartado 3 do artigo 10, que para este posto haberá que acreditar unha formación de ter realizado polo menos 200 horas de actividades formativas relacionadas coa igualdade de oportunidades, e tamén experiencia no ámbito da violencia de xénero. No caso do concello de Lugo procedeuse á contratación dunha persoa recurrindo a listas de agarda da asesoría xurídica do concello do ano 2008 sen ter en conta a normativa nin a especificidade do posto.