O Goberno de Lugo habilita unha nova plataforma única na rúa Sanxillao
Rubén Arroxo: “continuamos avanzando na instalación de zonas con plataforma única, o que nos permitirá aumentar a seguridade peonil nesta zona, que non conta con beirarrúas co ancho suficiente”
O acabado resaltará o carácter de preferencia peonil da rúa, con cores diferenciadas para a zona peonil e a zona de vehículos
Lugo, 09 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas visitaron a rúa Sanxillao onde se está a levar a cabo a renovación da pavimentación da zona. Arroxo explicou que “no treito máis ancho da rúa estase a renovar o pavimento, que se atopaba moi desgastado e na zona máis estreita continuamos avanzando coa instalación dunha zona con plataforma única, aumentando a seguridade peonil nesta zona”.
Esta zona contará cunha plataforma única cuxo acabado resaltará o carácter de preferencia peonil da rúa, e contará con cores diferenciadas para a zona peonil e a zona de paso de vehículos. O treito de plataforma única estará limitado a 20 Km/h e contará con elementos que permitirán o calmado do tráfico.
O Goberno de Lugo continúa a planificar melloras na convivencia do tráfico e dos pasos peonís. “O modelo de plataforma única demostrou a súa viabilidade en zonas estreitas, cuxo ancho non permite instalar beirarrúas que cumplan os requisitos esixidos pola lexislación”, explicou o Tenente Alcalde.
Ademais da rúa Sanxillao, o Goberno de Lugo está a executar as obras para habilitar unha plataforma única en Fingoi de Abaixo.