O Goberno de Lugo recibe 11.000 novas tarxetas cidadás
Arroxo: “nos vindeiros días comezará a chamarse a todas as persoas que solicitaron a tarxeta nas últimas semanas”
A tarxeta cidadá permite aforrar ata o 50% no prezo do bus urbano, un dos máis baratos do estado
Lugo, 30 de maio de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Concello de Lugo vén de recibir 11.000 novas tarxetas cidadás, despois de que o suministro se vise afectado pola crise global de semicondutores. Arroxo explicou que “vimos de recibir as novas tarxetas para atender á demanda derivada do cambio de liñas de bus e das distintas campañas postas en marcha polo Goberno de Lugo para animar á veciñanza a facer a Tarxeta Cidadá”.
Arroxo animou á veciñanza que aínda non ten a tarxeta cidadá a facela para "axilizar as paradas do bus e aforrar no prezo de cada viaxe". O Tenente Alcalde destacou que "Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público.
Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.