O Goberno de Lugo renova o asfalto do interior do Parque da Milagrosa
Rubén Arroxo: “continuamos a mellorar o parque da Milagrosa coa renovación do asfalto máis desgastado”
Neste mandato, a Tenencia de Alcaldía renovou tamén o asfalto do aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire
Lugo, 23 de febreiro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de renovar o asfalto do vial interior do parque da Milagrosa, onde están situadas as instalacións deportivas e a casa das Asociacións. Arroxo explicou que “continuamos a traballar na mellora dos espazos públicos de Lugo, renovando o asfalto dun vial que se atopaba nun avanzado estado de desgaste, e que facía necesaria unha intervención integral”.
A solución executada pola Concellería de Infraestruturas consiste na creación dunha nova baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptaranse os rexistros á nova cota da vía e renovarase a sinalización horizontal.
Arroxo lembrou que durante o presente mandato, a Tenencia de Alcaldía realizou un importante esforzo na contorna do Parque da Milagrosa, e lembrou algunha das intervencións realizadas neste período “como a renovación do aparcadoiro exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire ou o mural elaborado nas instalacións de Radio Taxi”.