Maite Ferreiro destacou "os bos datos de visitantes" rexistrados durante o Entroido
As instalacións turísticas municipais rexistraron preto de 1.200 visitantes durante a ponte de entroido
O presidente da APEHL, Cheché Real destacou a "satisfacción" do sector hoteleiro e hosteleiro de Lugo
Lugo, 25 de febreiro de 2023.A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance dos datos de visitantes rexistrados polas instalacións turísticas municipais durante o Entroido. Maite Ferreiro destacou "os bos datos de visitantes" rexistrados durante as festas, "o que se demostra coa satisfacción do sector da hostalería e a alta ocupación das prazas hoteleiras rexistrada".
As instalacións turísticas municipais recibiron en total a visita de 1.122 visitantes, dos cales máis de 400 foron atendidos a oficina municipal de turismo, "un dos puntos máis importantes na información turística, xunto coas salas museísticas", explicou Maite Ferreiro.
A Casa dos Mosaicos foi a sala museística que recibiu máis visitas durante as festas, con 328 visitantes durante o entroido.
No tocante á procedencia, Galiza e as zonas do estado próximas foron as zonas con máis turistas rexistradas, mais cun importante número de turistas procedentes do resto de países de Europa.
Pola súa banda, o presidente da APEHL, Cheché Real, destacou a “satisfacción” do sector da hostalería durante o Entroido. Segundo Cheché Real, malia que o público durante Entroido en Lugo é maiormente a poboación local e visitantes de provincias próximas, os resultados foron positivos para o sector “na mesma liña que mantemos desde o verán”, afirmou.