Comedores escolares e locales de hostelería participarán na campaña Caldo de Gloria da Fundación Rosalía de Castro
Rubén Arroxo, Maite Ferreiro e Felipe Rivas entregaron os manteis promocionais da campaña á APEHL e á empresa responsábel dos comedores escolares
Maite Ferreiro destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, que a converten “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”
Lugo, 26 de febreiro de 2023. A Tenencia de Alcaldía achega a poesía de Rosalía de Castro aos locales de hostalería de Lugo e aos comedores escolares colaborando coa campaña Caldo de Gloria posta en marcha pola Fundación Rosalía de Castro. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, xunto co Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e Felipe Rivas, concelleiro de Educación fixeron hoxe entrega dos manteis individuais editados pola Fundación, que recollen o poema Miña casiña, meu lar, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Maite Ferreiro, destacou a importancia da figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”. Con esta iniciativa, a Tenencia de Alcaldía pretende “achegar a toda a veciñanza de Lugo a poesía de Rosalía para facilitar o coñecemento dunha das figuras máis destacadas da cultura galega”.
“Rosalía foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente”, afirmou Maite Ferreiro.
No poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vai de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.
POEMA Miña casiña, meu lar’
Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna…
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:
Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.