A EDIL DE PARTICIPACIÓN DESTACOU "A BOA ACOLLIDA DESTA PROPOSTA" REALIZADA GRAZAS Á COLABORACIÓN QUE MANTEÑEN A ÁREA DE PARTICIPACIÓN E A ESCOLA DE HOSTALERÍA DO IES SANXILLAO
Estudantes de cociña do IES Sanxillao realizan un showcooking na Praza de Abastos
Cristina López e Rubén Arroxo visitaron a actividade que se realizará tamén o venres 29 en horario de mañá na cociña da Praza de Abastos
A edil de Participación destacou "a boa acollida desta proposta" realizada grazas á colaboración que manteñen a área de Participación e a Escola de Hostalería do IES Sanxillao
Lugo, 22 de novembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron a Praza de Abastos, onde estudantes de hostalería do IES Sanxillao realizaron un showcooking aberto á veciñanza con degustacións de diversos productos. "Trátase dunha colaboración coa que ademais de familiarizar ao estudantado coa Praza de Abastos promove a transmisión dos valores da gastronomía tradicional e contribúe a dar un valor engadido á Praza de abastos como espazo referente dos produtos tradicionais, frescos e de calidade", explicou Cristina López.
Os venres do mes de novembro, en horario de mañá, as persoas que se acheguen á praza poderán desfrutar de degustacións culinarias, dentro da colaboración que manteñen ambas entidades. Cristina López destacou que a cociña da Praza de Abastos "permítennos achegar experiencias únicas coma esta mostra a cargo de recoñecidos cociñeiros da cidade".
A concelleira de Participación afirmou que "continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os productos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións". Cristina López animou á veciñanza a "realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación".