OLALLA RODIL: "A VECIÑANZA DO PÁRAMO VÉN AMOSANDO UNHA IMPORTANTE PREOCUPACIÓN POLA MERMA DO SERVIZO SANITARIO"
O BNG do Páramo convocou unha concentración para denunciar a falta de persoal facultativo no centro de sáude
Olalla Rodil: "A veciñanza do Páramo vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario"
O Páramo, 21.11.2024.- A deputada nacionalista Olalla Rodil participou hoxe xunto con militantes do BNG e veciñanza do Páramo nunha concentración para denunciar a falta de persoal facultativo no centro de saúde.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) no Páramo viven 1.308 persoas. O Centro de Saúde deste concello conta actualmente cos seguintes servizos, de acordo coa información oficial do SERGAS:
-
Dúas prazas de medicina de familia
-
Unha praza de enfermaría
-
Unha praza de persoal administrativo
O servizo de pediatría recíbeno no centro de saúde de Sarria, a onde deben desprazarse tamén ás urxencias (PAC) ou no da Pobra de San Xiao, porén neste último só pasa consulta os venres."Desde hai meses só se atopa cuberta unha das prazas de médico que, alén do máis, está a piques de se xubilar" explica a deputada nacionalista . A outra praza atópase vacante o que deixa o centro de saúde apenas cunha médica boa parte da semana pois o SERGAS non garante a cobertura desoutra praza a maioría dos días.
"A veciñanza do Páramo vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario ao non contar coas dúas prazas de médica/o cubertas mais tamén polo futuro do propio centro de saúde toda vez que a única médica titular que continúa prestando asistencia sanitaria de maneira estábel prevé xubilarse a máis tardar o próximo ano", denuncia Rodil.
"Desde o Bloque Nacionalista Galego compartimos a preocupación veciñal pois situacións semellantes vividas noutros concellos rurais demostran que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza non dubida en deixar baleiras e mesmo recortar prazas de médicas e médicos especialmente en localidades pequenas obrigando a poboación a desprazarse a outras vilas para recibir asistencia sanitaria" declarou a deputada nacionalista.
Para o BNG é fundamental que servizos públicos esenciais como a sanidade e a educación se manteñan coa máxima calidade en todo o País pero máis aínda nos concellos rurais pois o peche ou merma destes non fai máis que afondar no despoboamento. Non pode pregoarse o compromiso co rural e logo converter a vida das persoas que viven nel nunha carreira de obstáculos á hora de recibir prestacións básicas, como a sanitaria.