O Goberno de Lugo sinaliza os puntos de comezo dos vieiros escolares seguros
Actualmente, tres colexios da cidade participan no proxecto posto en marcha pola concellería de Educación
Arroxo: “este proxecto conta cunha gran aceptación por parte das familias, desde o Goberno de Lugo facilitamos que as nenas e nenos vaian andando ao colexio”
Lugo, 01 de abril de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de instalar sinais nos puntos de partida dos vieiros escolares postos en marcha pola Concellería de Educación. Arroxo valora como "un éxito" a posta en marcha este curso dos vieiros, e destacou "a boa recepción e a implicación demostrada polas familias e polas nenas e nenos con este proxecto".
Para Rubén Arroxo, o éxito dos vieiros “ás distintas iniciativas postas en marcha polo Goberno de Lugo, como o calmado do tráfico, que contribuíron a crear ambientes máis seguros nas contornas dos centros de ensino”.
Na actualidade, dous centros públicos da cidade, o CEIP Albeiros e o CEIP Rosalía de Castro, participan dos vieiros escolares organizados pola Concellería de Educación, mentres que o colexio Franciscanos conta coa colaboración do Concello de Lugo para a organización dos Vieiros. Nos últimos días, o Goberno de Lugo instalou sinais nos puntos de partida das rutas de cada un dos colexios, marcando o percorrido dos vieiros.
"Con esta iniciativa buscamos crear o hábito de ir a pé ao colexio", explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “a posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado". Arroxo afirmou que a Concellería de Educación continúa a traballar “para levar os vieiros a máis centros e avanzar na eliminación dos problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo".