PARA O BNG-AA “RESULTA INCOMPRENSIBLE QUE A INCOMPETENCIA DO GOBERNO MUNICIPAL COMPROMETA A ACTIVIDADE DE COLECTIVOS VECIÑAIS, CULTURAIS, DEPORTIVOS E DEMAIS ENTIDADES”
“O goberno municipal aínda non convocou as axudas a colectivos” asegurou Maite Ferreiro
Para os nacionalistas “non é normal” que aínda non se convocaran as axudas das actividades que os colectivos organizan neste ano
Lugo, 24 de outubro 2016. A edil do BNG – Asembleas Abertas cualificou de “irresponsable” o feito de que, a estas alturas, do ano aínda non se convocaran as axudas do concello, deste ano 2016, para entidades e colectivos. Maite Ferreiro lembrou que os colectivos e entidades teñen que realizar as actividades, para as que reciban subvención, dentro do ano 2016 “o feito de que a estas alturas do ano aínda non se convocaran, provoca un trastorno á hora de que as asociacións efectivicen as súas programacións anuais”.
Os nacionalistas reclamarán información sobre o motivo do retraso no pago das axudas do ano pasado. Ferreiro explicou que representantes do tecido asociativo se puxeron en contacto co BNG - Asembleas Abertas para manifestar as súas queixas por este retraso. Para os nacionalistas “non é normal” que aínda non se convocaran as axudas das actividades que os colectivos organizan neste ano e dixo que “o goberno municipal debería ter ansia de axilizar estas convocatorias e de pagalas puntualmente por que é o xeito de apoiar o tecido asociativo”.
Maite Ferreiro asegurou que “chove sobre mollado, o ano pasado aludiuse a que as eleccións municipais no mes de maio retrasaran a tramitación, mais este anos esa excusa xa non serve”. A edil do BNG-AA asegurou que a falta de coordinación entre as persoas que compoñen a Xunta de Goberno do concello provoca estes retrasos “por que cada un vai polo seu lado e non son capaces de facer nada que requira dunha mínima coordinación”.