MAITE FERREIRO, CONCELLEIRA DE CULTURA: "CONTINUAMOS A MANTER VIVA A MEMORIA DAS PERSOAS QUE FORON ASASINADAS POR DEFENDER OS SEUS DEREITOS CUNHA LEMBRANZA ESPECIAL A RAFAEL DE VEGA, LUCENSE ASASINADO DURANTE O FRANQUISMO CUXA MEMORIA VÉN DE SER RESTAURADA 88 ANOS DESPOIS"

Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo no Día da Galiza Mártir


Maite Ferreiro, concelleira de Cultura: "Continuamos a manter viva a memoria das persoas que foron asasinadas por defender os seus dereitos cunha lembranza especial a Rafael de Vega, lucense asasinado durante o franquismo cuxa memoria vén de ser restaurada 88 anos despois"

O Concello de Lugo acordou institucionalizar o día da Galiza Mártir en febreiro de 2020

O acto celebrado hoxe no Vello Cárcere contou coas intervencións de Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Efrén Castro, vicepresidente da Deputación

Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo no Día da Galiza Mártir



Lugo, 17 de agosto de 2024. Maite Ferreiro,  concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, realizou a homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo día da Galiza Mártir. No acto, que tivo lugar no Vello Cárcere, Maite Ferreiro destacou o compromiso do Goberno de Lugo para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais". Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2023.

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

Maite Ferreiro personalizou a celebración deste día da Galiza Mártir en Rafael de Vega, lucense que foi encarcerado no Cárcere de Lugo e executado o 21 de outubro de 1936 tras un xuízo que o Goberno do Estado declarou hai poucos días como ilegal e ilexítimo.

O Vicepresidente da Deputación e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, e destacou a figura de Alexandre Bóveda, "un símbolo das persoas que loitaron contra o réxime fascista". Para Efrén Castro, "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.

Cemiterio Municipal

Atendendo a preguntas dos medios, a concelleira de Participación, Cristina López, anunciou novamente que o Cemiterio de San Froilán contará cunha imaxe en lembranza ás persoas represaliadas durante o franquismo. López explicou que se tratará dunha figura "que vaia en conxunto coa relevancia patrimonial do cemiterio", debido ao importante peso da arquitectura na imaxe do Cemiterio.

López afirmou que "as familias vítimas da represión contarán antes da final deste ano cunha zona onde lembrar aos seus familiares asasinados de forma inxusta polo fascismo".

Día da Galiza Martir

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.

 Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum "Galicia Mártir" a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro "Sempre en Galiza", e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso "Alba de Gloria", foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.

 

Manifesto día da Galiza Mártir 2024 elaborado pola Fundación Alexandre Bóveda


Para a irmandade de Lugo
Bo día a todas e a todos.
Para o dezasete de agosto deste ano de 2024, DÍA NACIONAL DAS E DOS NOSOS MÁRTIRES,presenciando a FUNDACIÓN ALEXANDRE BÓVEDA NESTA REFERENTE CIDADE DE LUGO,DATA DE MEMORIA NACIONAL GALEGA,queremos niso salientar a figura de  Alexandre Bóveda, asasinado a dezasete de agosto de 1936,el... nome propio. constructor favorecedor de pontes entre galegas e galegos , honesto que se fixo desde a forma de el ser, de pensar e de vivir, conquistador de sabiduría, amoroso da Galiza, referente que nos chama á responsabilidade memorial e nos aglutina na proposta nosa de restauración, reparación e xustiza, da  NACIONAL GALEGA MEMORIA HISTÓRICA na significancia nobre das e dos nosos mártires, pois a memoria de Alexandre, das outras e outros mártires, presiden a tarefa de construcción do noso porvir de POBO DO GALEGO e así a nosa veneración popular a eles e a elas todas, mártires, levada na esperanza e desgrazadamente lida en clave de sufrimento.
E a proba de tal  está esta celebración a iniciativa desta estimada  IRMANDADE LUGUESA, e por iso tomamos conciencia do contido propio da nosa memoria, pois non bastan, nin as frases guapas, nin os titulares sorprendentes do día, colocados nos medios amigos. A sinceridade e a honestidade da nosa militancia en Alexandre Bóveda, van por outros tempos e espazos.Van no vital e no intelectual de cada quen de nós, desde e para  o esencial de NÓS, pois mantemos a presenza as súas ideas, a sú vida,as súas accións de construcción nacional galegas,o seu martirio.As súas palabras non perden inensidade. Palabras a certo, ou algunhas ao mellor equivocadas, que Bóveda non presumiu nunca de infalible, sempre tiveron a centro e corazón as candentes inxustizas, arestora aínda presentes para desgraza nosa, así como tamén as aspiracións nobres deste noso POBO DO GALEGO.
Bóveda, en boa medida desde o seu pensamentos nacionalista galego, desde aquel PG, proxectou e propuxo construír. Construir que non conlevaba en nada arrasar e si edificar.
E polo mesmo, na inspiración dos e das nosas mártires da nosa Patria, así nos reunimos para manter a nosa firmeza na lealdade a elas e a eles, representados no día do asasinato de Alexandre Bóveda, e así nese contido ,sen a renuncia, reivindicar os dereitos deste Pobo e a obriga da construcción colectiva e comprensiva, na verdade, da nosa memoria histórica galega.
Niso, Bóveda,tiña claro que o Pobo tería que ir na liña de ser de seu e determinado, soberano e iso sería sen dúbida en formas e traxecto esencialmente político. E así daquela para hoxe así foi a orientación nacionalista do PG que conlevaba e levaba asumir algún día a dirección política de Galiza en democracia,pluralismo e liberdade.
E por iso a días de hoxe, propoñer Galiza Ceibe , máis que unha consigna, é unha via natural que conleva un latexo de desexo que nos di: Adiante!
Hoxe, fóra de descricións ( que non sobran) queremos salientar reflexións mediadoras e motivadoras para a acción e por iso significamos e advertimos dos dicires ( que lle din historia) das e dos vencedores. Eses dicires que  erguen en falso con discursos floridos sobre os cadáveres da memoria popular e así decretan mentalidade submisa, medoñenta, fráxil e desvalida, ignorante, dependente do oficial que conleva docilidade e ardentemente anima ao " sentidiño".
Iso é destrucción silenciosa ( polo de agora) e motivadora do "si señor...vostede di ben" que conforma unha falsa normalidade eficaz.Quérennos, din elas e eles, normais obedecendo as súas leis ( amén, si señor!).
Vexan o Goberno en Galicia, cos seus actos e proclamas, como intervén a favor "da súa memoria" e así para eles a nosa ,memoria democrática, é unha memoria " inimiga".
As e os vencedores e oficialistas das desmemorias, sempre gozaron dunha extraordinaria facultade camaleónica.
A memoria actívase e para iso tamén está a vontade democrática. Na reparación está a xustiza do recoñecemento.
Sigamos calzando os soños. Moito ollo pois coa lei cínica da chamada ¨concordia". Pois sen un relato propio estamos indefensos.
E polo mesmo, na idea marabillosa do traballador da nosa historia Felipe Senén, fillo amoroso das terras do Carballiño, nós sacamos a proposta de que non fagamos ENDOMINGADA a nosa memoria, non a fagamos valor de cambio, nin mercadoría de romaría, nin merchandising de macdonalización.Teñamos forzas e proxectos. Os inimigos son moi poderosos.Non descansan.
Tamén, nesa consideración antedita, Bóveda:
Bóveda non é un axuste, unha contabilidade,unha porcentaxe, un saldo.Tampouco unha subvención.Bóveda non é un día.Bóveda non é un olvido que se aboia a recordo endomingado a cada dezasete de agosto mesmo por ver se está morto.Non.
Bóveda é:un estímulo, unha conciencia, unha chamada, unha vocación e militancia,unha conciencia, unha integración para Galiza nación que nivela, que equilibra. Unha responsabilidade de todas e de todos ( tamén dos Gobernos).
Bóveda é un contido nacional galego irrenunciable determinante da identidade do que somos.
Bóveda foi ( e é) unha forza enerxética fiel e militante, ideolóxica, para a construcción política, eficaz e de honra, das dimensións claras que sosteñen e acollen as propostas nobres de Galiza.
David Otero, vicepresidente Fundación Alexandre Bóveda, XIII agosto MMXXIV..

 

Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo no Día da Galiza Mártir