O SAN FROILÁN “QUENTARÁ MOTORES” O DOMINGO 29 CUNHA SESIÓN VERMÚ NA PRAZA AGRO DO ROLO

Máis de 200 actividades forman o programa do San Froilán, das cales 170 son actuacións musicais

Esta será a edición “máis social”, triplicando os puntos lila e engadindo un stand antirruido para que nenos e nenas con TEA poidan desfrutar das festas

Máis de 200 actividades forman o programa do San Froilán, das cales 170 son actuacións musicais

Lugo, 26 de setembro de 2019.  A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou no día de hoxe o programa desta edición do San Froilán “que inclúe máis de 200 actividades dirixidas a todos os gustos e franxas de idade”. Maite Ferreiro indicou que das máis de 200 actividades, 170 serán actuacións musicais repartidas entre todos os días de festa, destacando o domingo das mozas con 31 actuacións e o sábado 5 con 25.

 

A programación oficial arrincará o vindeiro domingo 29 cunha sesión vermú na praza Agro do Rolo. O “Quentando Motores para o San Froilán” contará con Rachel & The Blue Batons e Malditos Pendejos a partir das 13 horas.

 

Maite Ferreiro anunciou que esta é a edición “máis social” do San Froilán. Na edición deste ano triplicaranse os puntos lilas, onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan. Ademais, por primeira vez contarase cun posto antirruido,  en colaboración coa asociación Raiolas Lugo, para que nenos e nenas con TEA e TCS poidan desfrutar das festas.

 Maite Ferreiro anunciou que o programa estará impreso nos próximos días e pode descargarse xa na web sanfroilan.info.

Máis de 200 actividades forman o programa do San Froilán, das cales 170 son actuacións musicais